Site icon Crónica3.com A Mariña

A reforma da Lei de Pesca é a expresión legal do compromiso do goberno “que quere ser aliado” do sector, explica o PP

Nota de Prensa

O portavoz de Mar do Grupo Popular remarcou que o proxecto de lei aprobado hoxe polo Pleno do Parlamento conta co apoio explícito do Consello Galego de Pesca, ao contrario que o texto elaborado polo Bipartito, que o impuxo “de costas ao sector”

BALSEIRO SALIENTA QUE A REFORMA DA LEI DE PESCA É A EXPRESIÓN LEGAL DO COMPROMISO DO GOBERNO DE NÚÑEZ FEIJÓO, “QUE QUERE SER ALIADO” DO SECTOR, CO QUE FOI CONSENSUADA

* A nova Lei introduce unha serie de melloras, entre as que o deputado popular resaltou a recuperación do papel que lles corresponde ás confrarías, a posta a cero dos contadores das concesións sobre as bateas, a estensión da vixencia do permex pola vida útil da embarcación, a recuperación do Servizo de Gardacostas, o desbloqueo do futuro acuícola e piscícola de Galicia ou a protección dos produtos pesqueiros e marisqueiros galegos.

* Balseiro lamentou que os partidos da oposición non se esforzaran por acadar o consenso respecto á reforma, dado que o PSOE presentou emendas parciais “nas que pedían a supresión de todos os artigos que nós reformábamos” e o BNG “fixo o propio, no desexo de desvirtuar o papel das confrarías, da posta a cero do contador das concesións bateeiras ou na supresión do Servizo de Gardacostas de Galicia”.

Santiago, 9 de decembro de 2009.- O portavoz de Mar do Grupo Parlamentario Popular de Galicia, José Manuel Balseiro, salientou hoxe, na sesión plenaria da Cámara, que a reforma da Lei 11/2008, de Pesca de Galicia, é a expresión legal do compromiso do Goberno de Núñez Feijóo, “que quere ser aliado” do sector, co que foi consensuada. Un sector que “para nós, como para a inmensa maioría dos galegos, constitúe signo da identidade de Galicia” e que, ademais, é “estratéxico na nosa economía polos centos de miles de empregos que, directa e indirectamente, contribúe a xerar”. Malia todo, o sector non foi “suficientemente considerado nin apoiado polo anterior Executivo bipartito, que afondou no seu abandono en tempos de crise”.

Balseiro remarcou que o proxecto de lei aprobado hoxe polo Pleno do Parlamento conta co apoio explícito do Consello Galego de Pesca, ao contrario que o texto elaborado polo Bipartito, que o impuxo “de costas ao sector”. O novo Goberno, indicou, “foi quen de consensuar, acordar, compartir o deseño da ferramenta indispensable para que, no noso mar, polo menos poidamos falar de futuro”. Pola contra, engadiu, os partidos da oposición “cando tiveron responsabilidades de Goberno non só acabaron por impoñer, sen ningún tipo de autocrítica, un texto de costas ao sector, senón que ademais converteron en lei unha serie de cuestións que contaban co rexeitamento unánime do Consello Galego de Pesca”.

MELLORAS

A nova Lei introduce unha serie de melloras, entre as que o deputado popular resaltou a recuperación do papel que lles corresponde ás confrarías, a posta a cero dos contadores das concesións sobre as bateas, a estensión da vixencia do permex pola vida útil da embarcación, a recuperación do Servizo de Gardacostas con medios operativos as 24 horas do día os 365 días do ano, o desbloqueo do futuro acuícola e piscícola de Galicia ou a protección dos produtos pesqueiros e marisqueiros galegos. “Cremos e queremos nun sector forte e organizado”, indicou Balseiro, “porque a nosa pretensión non será nunca, como foi a doutros, a de controlalos ou silencialos”, e “contra a división, a belixerancia, a guerra e o desprezo que no pasado infundía a Xunta bipartita no sector bateeiro, hoxe tan só falamos de futuro, de ser máis útiles, de facer que a Xunta, e a lei, non se converta nun obstáculo”.

Balseiro lamentou que os partidos da oposición non se esforzaran por acadar o consenso respecto á reforma, dado que o PSOE presentou emendas parciais “nas que pedían a supresión de todos os artigos que nós reformábamos” e o BNG “fixo o propio, no desexo de desvirtuar o papel das confrarías, da posta a cero do contador das concesións bateeiras ou na supresión do Servizo de Gardacostas de Galicia”. Para o Grupo Popular, “unha vez máis, se están a equivocar as forzas da oposición amosando a súa belixerancia ante a reforma da Lei de Pesca”, demostrando que “nada teñen aprendido do seu paso ata a oposición, nin tan sequera foron quen de facer algo de autocrítica”.

Para o deputado, “o mundo do mar recupera o seu protagonismo” coa reforma da lei, que “constitúe a garantía e o apoio fundamental para o seu futuro”.

Exit mobile version