Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta autoriza a ampliación de capital da empresa SEA para promocionar solo empresarial en Mondoñedo

SANTIAGO .- O Consello da Xunta de Galicia autorizou ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a subscribir a ampliación de capital da sociedade Suelo Empresarial del Atlántico (SEA S.L.), na cal o IGVS participa cun 15 por cento do capital. O IGVS desembolsará 5.899.950 euros para subscribir a dita ampliación de capital.

A ampliación de capital faise necesaria polo volume de investimentos de SEA durante o 2009 e 2010. As actuacións en marcha actualmente supoñen 4 millóns de metros cadrados do solo empresarial en 14 parques industriais.

Entre as actuacións descritas estaría a seguinte:

1.-MONDOÑEDO
Investimento total: 2,3 millóns de euros
2009: 0,02 millóns de euros
2010: 0,19 millóns de euros
Superficie 70.000 metros cadrados

O GOBERNO GALEGO DESTINARÁ MÁIS DE 4,7 MILLÓNS DE EUROS A AXUDAS DO PROGRAMA DE VIVENDA EN ALUGUER NO PRIMEIRO SEMESTRE DE 2010

As subvencións dirixidas a inquilinos consisten no aboamento de entre o 50 e o 60 por cento do importe da renda, porcentaxe que pode chegar ao 80 por cento no caso das mulleres vítimas de violencia de xénero

O Instituto Galego da Vivenda e Solo destinará un total de 4.725.267,12 euros ás subvencións que se outorguen no primeiro semestre de 2010 no marco do Programa de vivenda en aluguer, cifra á cal se sumarán outros 500.000 euros destinados a subvencionar a rehabilitación de vivendas que posteriormente se poñerán en alugamento por parte dos seus propietarios.

O Consello da Xunta autorizou na súa reunión de hoxe o gasto plurianual que suporán as subvencións ao alugamento concedidas no próximo ano, dado que estas axudas se conceden por un prazo fixo de doce meses, o que supón que todas aquelas que se conceden a partir do mes de febreiro non rematan ata o ano 2011.

Desta maneira, o Consello aprobou un gasto de 4.725.267,12 euros, dos que 3.628.187,87 euros corresponden á anualidade de 2010 e os restantes 1.097.079,25 á anualidade de 2011. Ademais destinaranse 500.000 euros ás axudas concedidas aos propietarios de vivendas para a súa rehabilitación e posterior posta en réxime de aluguer a través do programa.

Tal como establece o Decreto polo que se rexe o programa de alugamento, as axudas correspondentes a 2010 serán convocadas por medio dunha orde en que se indicarán os prazos da súa solicitude. No marco deste programa, as subvencións dirixidas a inquilinos consisten no aboamento de entre o 50 e o 60 por cento do importe da renda, porcentaxe que pode chegar ao 80 por cento no caso das mulleres vítimas de violencia de xénero. En todo caso, os inquilinos deben destinar ao pagamento do aluguer, polo menos, o vinte por cento dos seus ingresos ponderados anuais.

Exit mobile version