Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta subvenciona con 13.000 euros as festas de Cervo

CERVO .- A concelleira de Finanzas, Cultura e Xuventude do Concello de Cervo, Chelo Gallego, vén de amosar a súa satisfacción despois de coñecerse que a Xunta de Galicia achegará 13.000 euros para compensar os gastos de organización das principais citas festivas e de interese turístico que se celebran no termo municipal.

Segundo publica no día de hoxe o Diario Oficial de Galicia as asociacións organizadoras da festa da Maruxaina (Amigos da Maruxaina), a Queimada de Cervo (Airiños do Xunco), das festas patronais de San Ciprián e da Malla Tradicional (As Espalladoras) recibirán a correspondente axuda por parte da Consellería de Cultura.

BENEFICIARIAS AS ASOCIACIÓNS ORGANIZADORAS

Tal e como adiantou no seu momento o Alcalde de Cervo, despois de manter unha serie de contactos cos novos responsables do Goberno galego, as principais citas festivas de Cervo e San Ciprián, recibirán 6.000 euros. No caso desta última localidade o importe distribuirase a partes iguais para colaborar cos gastos das festas na honra da Virxe do Carmen (3.000 euros) e da Maruxaina (outros 3.000 euros). A Queimada de Cervo, que celebrara este ano a súa XV edición, recibirá por parte da Xunta unha achega de 6.000 euros.

Tamén a colaboración da Xunta chega nesta ocasión para financiar a Malla Tradicional, que o pasado verán tivo lugar na Escola de Rúa, grazas á organización da Asociación de Mulleres Rurais As Espalladoras.

COMPROMISO COMPARTIDO

Concello de Cervo e Xunta amosan o seu compromiso con este tipo de festexos que contribúen ao realce e á difusión do acervo cultural e histórico das localidades nos que se celebran, sendo ademais un atractivo para o turismo.

Exit mobile version