Site icon Crónica3.com A Mariña

Aminatou Haidar

Falar do Sáhara supón, para moitas xeracións, lembrar vivencias persoais moi intensas.Os máis novos, mesmo os corentóns, non podemos vivilo como algo propio. Se acaso, como algo do que escoitabamos falar aos nosos irmáns maiores, pais ou avós. Que maneira tan trapalleira de pasar á historia! Que lección nos dou o veciño Portugal con Timor Leste.

A monarquía española, que foi proposta como modelo a seguir a nivel internacional para ser imitada por outros países en vías de transición cara a un modelo democrático, ten no tema do Sahara unha espiña cravada (polo reino alahuí, xa nos podemos imaxinar todos onde). Sexamos honestos: tena toda España, que preocupada con extremo celo por mimar o ánimo do veciño marroquí, esquece o noxento papel xogado por ela no proceso de descolonización do Sahara.

Tantos anos despois, e tras un acomodaticio silencio, de novo agroma a loita do pobo saharauí a través da figura de Aminatou Haidar. Muller de principios, disposta a chegar ata as últimas consecuencias, vai acabar deixando en evidencia a toda a comunidade internacional, nomeadamente ao goberno e o estado españois, polo seu enfermizo afán de agradar, como for, ao reino alahuí.

A sombra ceutí e melillense pesan coma unha laxe. Tamén, a aposta por unhas relacións económicas que pretenden expandir a área de influencia da economía española polo norte de África. É a lei do mercado. Cega coma ningunha outra. Mais, se admitimos que a vaquiña polo que vale, como é posíbel que celebremos con tanto boato a Constitución e os dereitos humanos e ao mesmo tempo miremos cara a outro lado deixando que o goberno de Marrocos faga da súa capa un saio nos territorios ocupados? Asuntos internos? Manda truco! Que un mociño de apenas doce anos che comente que estivo catro ou cinco días incomunicado por levar á escola unha bandeira saharauí estarrece. Por moi frío que queira ser á hora de analizar o problema, a política requíreo, non podo evitar lembrar a historia de Omar. Como a de tantos outros pícaros e pícaras que durante o verán che contan a súa amarga experiencia.

Exit mobile version