Site icon Crónica3.com A Mariña

Amor/odio

Un amigo noso, bo coñecedor dese submundo, di que os partidos políticos son caldo de cultivo nos que se producen os episodios mais virulentos do desencontro entre as persoas, recurrindo a sañudos métodos que produzan efectos devastadores na/s persoa/s a destruír, na amoral loita por acadar os disputados privilexios, pois no seu seno é frecuente que o “compañeiro” mais próximo sexa tamén o mais encarnizado inimigo, e polo tanto, obxectivo a bater… Segundo il a xénese está na función que os partidos desenrolan como plataformas de lanzamento hacia as metas das ambicións persoais de cada quen, moitas veces coincidentes, en aras das que non se repara en consideracións de tipo algún: afectivas, de respecto, gratitude, éticas, racionais nen mesmo nos servilismos, consesuados e xa consumados. É decir, os servicios prestados mutuamente. Por iso non pode sorprender que estes individuos pasen dun día para o outro do amor apaixoado, decrarado publicamente, ó odio mais visceral, co estadio intermedio do desamor, como en vulgar telenovela. Son situacións habituais, de vella raigame entre a crase política. Cóntase dun coñecido político galego do franquismo que, vivindo un rifi-rafe semellante, exclamou: “¡Cuerpo a tierra, que vienen los nuestros!”. Mágoa que tal mensaxe non lle chegara a tempo ó alcalde de Fago… En Foz, como é público e notorio, estase a vivir un episodio que acapara a atención mediática e polo tanto un protagonismo singular, que confirma a vixencia das miserias apuntadas. É certo que de cando en vez o noso pobo potencia o seu nome a través de feitos, case sempre pouco edificantes ou mesmo sorprendentes. Xa levábamos moito tempo a barbeito: dende hai meses que aparecera morto un oso no Bispo Santo non volvera a falarse das nosas singularidades. Xa ía sendo tempo. E para que non decaia a tradición, os protagonistas, “tandem” monolítico nas formas e no fondo, de idéntica cuadratura, que se xuraran amor eterno e fidelidade sen fin, destapan a caixa de Pandora (a que garda as tormentas) e decraran a súa guerra peculiar. Eles, os organizadores da Marcha Pola Paz no Mundo!. Paradoxos da vida!…

Exit mobile version