Site icon Crónica3.com A Mariña

Celso Dourado está moi satisfeito porque o TSXG dálle a razón sobre a expropiación que pretendía a Deputación

BARREIROS (FNC) .- O artista barreirense Celso Dourado amósase moi satisfeito despois de coñecer que lle gañou un importante pulso á Deputación de Lugo. A institución provincial pretendía expropiarlle parte dos terreos do seu Eido Dourado para ampliar unha estrada. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deulle a razón a Dourado e hai un par de días que a sentencia se converteu en firme e definitiva, porque a Deputación non a recurriu.

Celso Dourado lembrou que “este litixio xurde co boom inmobiliario aquí en Barreiros. Ante a cantidade de edificacións e bloques de apartamentos que se estaban a construir en San Miguel deciden dotar de accesos ás praias para que toda esta xente transite con maior comodidade e proxectan ampliar o vial que circunda o meu espazo, o Eido Dourado. Esto data dun acordo plenario da Deputación de xuño de 2007, que é cando deciden expropiar os bens afectados para realizar esa obra. A min non se me informou ben de todo esto e o período de alegacións pasóusenos porque a maior parte da xente non nos enteramos”. O artista de Barreiros segue a explicar que “ante a posible expropiación de prácticamente todo o frontal que forma parte do Eido Dourado vinme obrigado a recurrir ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Foi un gasto importante e unha loita ben levada por parte dos avogados, que argumentaron que non era unha edificación calquera senón que formaba parte dun espazo cultural e hai un mes houbo unha sentencia na que me daban a min a razón. A Deputación non recurriu esa decisión e a sentencia convertéuse en firme e definitiva”.

Dourado entende que “ante a maquinaria das administracións parece que hai persoas, neste caso a xustiza, que pensan un pouco. Como me comentaba o avogado esto é poñer unha pica en Flandes, porque non é habitual que a un particular se lle dea a razón nunha expropiación forzosa nuns bens para ampliar unha estrada. Para min é un grande balón de osíxeno porque realmente te das conta de que aquello polo que levas tanto traballado é recoñecido pola propia xustiza. Eso para min é o máis importante realmente”.

Exit mobile version