Site icon Crónica3.com A Mariña

En Burela publicarán un bando coas responsabilidades dos donos de cans e informarán de servizos de Celta Prix

BURELA (FNC) .- O Concello lembrará cun bando as obrigas e as responsabilidades dos propietarios de cans para que recollan os excrementos que deixan en rúas e parques. O alcalde tamén anuncia a edición de folletos informativos ou dípticos cos servizos que presta Celta Prix. Destes asuntos falou Alfredo Llano coa directiva da asociación O Vencello na xuntanza que mantiveron nas últimas horas.

O rexedor contou que “falamos de temas xerais que lle afectan a Burela, por exemplo dos cans e dos animais de compañía, queixáronse de que fan as súas necesidades na rúa e nos parques sen que os seus propietarios as recollan, cando todo o mundo sabe que ten que retirar os excrementos e depositalos nos contedores habilitados para este fin. Nós acordamos lembrar cun bando as responsabilidades dos propietarios de cans, e tamén insistiremos en que os poderán censar no Concello para saber cantos hai e cómo se pode chegar a eles cando teñamos que enviarlles algún tipo de información”.

Alcalde e directivos de O Vencello “tamén analizamos o bó emprego dos contedores, porque hai moitos veciños que ás veces non coñecen todos os servizos que presta Celta Prix e deixan o cartón días antes dos previstos para a súa recollida na rúa e si chove desfaise fácilmente. Tamén quedamos a través de octavillas ou de dípticos dar información sobre eses servizos, e aproveitaremos para insistir na necesidade de seleccionar e de reciclar o lixo que se xenera nos fogares e para informar dos días no que se recolle o cartón, ou dos voluminosos que se depositan no punto limpo”.

Plan xeral, porto e hospital

Alfredo Llano sinalou que “falamos do PXOM e da súa evolución, agora que imos ter unha xuntanza o vindeiro 14 de decembro, invitamos a todos os veciños a que asistan a este encontro para que vexan que actuamos con transparencia. Xa hoxe mandei unha invitación formal para que veñan a esa xuntanza ás cinco da tarde. Falamos tamén das obras de acceso ao porto, todo o mundo sabe que están paradas para realizar unha modificación do proxecto que incluirá un desvío da vía do tren, dado que o terreo non aguanta e por iso hai que facer ese cambio”.

Os representantes veciñais expuxéronlle ó alcalde “a súa preocupación pola falla de información nas estradas e nas autoestradas cercanas do noso concello, non hai moitas sinalizacións ou indicadores co nome de Burela. Falaremos con responsables de Fomento para que se teñan en conta as nosas peticións”.

O alcalde de Burela suliñou que “tamén hai preocupación polo futuro do Hospital da Costa, non queremos que se perdan servizos, senón que se aumenten, tamén lles falei da miña preocupación pola pediatra do centro de saúde que agora se lle acaba o contrato e é necesario que se lle renove, e que se faga a tempo completo. Queremos ter en conta as súas suxerencias e que eles tamén teñan presentes as nosas e que así cheguemos a unha mellora sustancial do concello de Burela”.

Exit mobile version