Site icon Crónica3.com A Mariña

Hai desfase negativo de 1,230 millóns de euros no Concello de Foz, asegura o BNG

Nota de Prensa

O BNG DE FOZ CUALIFICA DE NEFASTA A XESTIÓN ECONÓMICA DO GOBERNO Á VISTA DA LIQUIDACIÓN DOS ORZAMENTOS

O estado da liquidación mostra un desfase NEGATIVO de 1.230.965,90 €

Foz, 9 de decembro de 2009.- Os servizos de intervención do Concello de Foz acaban de presentar aos grupos políticos da corporación información sobre o nivel de execución dos orzamentos e a situación dos movementos de tesourería do presente exercicio. O estado de liquidación referido é de data do 15 de novembro e nel xa se albiscan os elementos indispensables para valorar a acción do goberno desde o punto de vista da xestión económica levada a cabo no Concello.

Nunha primeira valoración, da revisión das partidas de gastos podemos ratificarnos no que viña advertindo o BNG: que non existe un control do gasto corrente e as partidas estimadas nos orzamentos non teñen como finalidade o control presupostario senón que son unha mera xustificación dos mesmos. Así, a falta dun mes para rematar o exercicio, existen moitas partidas de gastos que están xa con remanente negativo e que sobrepasan as partidas iniciais aplicadas nos orzamentos. De forma salientábel, están nesta situación as partidas de gastos de reformas e reparacións (- 106.085,87 €), gastos en reparacións de vehículos (- 29.187) ou nas rozas e limpeza de camiños (-13.797,02).

No apartado de ingresos, existe unha diferencia entre os ingresos orzamentados e os ingresos realmente recadados. Este dato demostra que os orzamentos non están feitos sobre unha estimación real, senón que se estima unha recadación superior á real para cubrir uns orzamentos deficitarios. É dicir, o que o BNG ten argumentado para votar en contra destes orzamentos: que os ingresos están inflados deliberadamente para cadrar as contas. Tendo en consideración que algúns ingresos están aínda sen recadar totalmente, a modo de exemplo deste desfase nos ingresos podémolo observar en partidas como o imposto da plusvalía (pendente de recadar 44.890,92 € sobre unha partida estimada de 50.000 €), o imposto de construcción, instalacións e obras (pendente de recadar 23.592,40 € sobre unha partida estimada de 100.000 €), ocupación de fincas (pendente de recadar 14.272,83 € sobre unha partida estimada de 22.000 €) ou no apartado de multas (pendente de recadar 10.480 € sobre unha partida estimada de 20.000 €).

En cifras globais, os ingresos totais ata ao 15 de novembro son 11.224.043,44 € mentres os gastos realizados no mesmo tempo son de 12.455.009,34 €. Esto quere dicir, que a diferencia nos orzamentos entre ingresos e gastos da un balance negativo de -1.230.965,90 €. Para o BNG, se en calquera empresa ou familia apareceran estes resultados non poderían máis que concluír que xestionaron moi mal os seus cartos e que terían que tomar medidas serias para non caer na bancarrota.

Esta situación de desfase negativo provoca que o equipo de goberno siga tirando do remanente de tesourería, que diminúe ano tras ano desde 2006 en que o Concello tiña un remanente de máis de 6.000.000 €. A diminución do remanente de tesourería ven a xustificar todo o dito anteriormente. A data de 1 de xaneiro a liquidez que tiña o Concello de Foz era de 2.758.720,60 €. Polo tanto, se lle restamos o desfase existente entre gastos e ingresos (-1.230.965,90 €) o remanente que actualmente ten o Concello quedase en 1.527.754,70 €. Esto quere dicir que este goberno en tres anos consumiu sobre 5.000.000 de euros dos cartos aforrados polo Concello, cartos que son de todos os focegos e que deberían de servir para mellorar os servizos, a calidade de vida e facer un Foz mellor en todos os aspectos. Pero o BNG -como a maioría dos veciños- non ve por ningunha parte que estes cartos estiveran ben investidos senón que máis ben serviron para ir tapando furados provocados por unha mala xestión do erario público.

Outra situación anómala -utilizada polo equipo de goberno para inchar os ingresos- e que o BNG xa denunciara é a das débedas pendentes de cobro. O Concello de Foz tiña acumulados uns dereitos pendentes de cobro desde o ano 1994 ata o 31 de decembro de 2008 de 2.879.049,09 €. A día da liquidación a débeda pendente de cobro ascende a 2.191.166,98 €. Pero como xa ten denunciado o BNG, a maioría destes dereitos estarían xa prescritos por lei, co que sería imposible xa cobralos e polo tanto non deberían aparecer como ingresos nos orzamentos. Hai que dicir que a responsabilidade desta falta de cobro é exclusivamente do alcalde e do grupo de goberno por non poñer no seu momento todas as medidas legais que unha administración posúe para reclamar e cobrar o que é seu e de todos os veciños: “seguramente se os cartos foran do alcalde ou de algún dos seus concelleiros ditas débedas non estarían prescritas”.

Todos este datos poñen de manifesto, unha vez máis, a nefasta xestión económica deste grupo de goberno co alcalde á cabeza. Se seguimos a este ritmo de déficit, nos próximos dous anos a solvencia económica do Concello estará en entredito, como consecuencia exclusivamente dunha mala planificación orzamentaria e dunha xestión que desde o BNG cualificamos insostible e de despilfarro. Esta será a herencia, se non se pon remedio de forma urxente, que o Sr.Rivera e o seu grupo socialista deixará a Foz na próxima lexislatura.

Exit mobile version