Site icon Crónica3.com A Mariña

Manifesto en defensa da sanidade pública na Mariña

Corren tempos de preocupación para a continuidade da sanidade pública tal e como a coñecemos na Mariña de Lugo. O anuncio feito pola Conselleira de Sanidade no mes de xuño sobre a centralización das xerencias das áreas sanitarias provinciais nunha única en Lugo fixo saltar as alarmas dos colectivos sociais, laborais e políticos da nosa comarca, así como de moitas persoas non integradas en ditos colectivos. As primeiras reaccións fixéronse polos colectivos de xeito individual, pero desde o mes de outubro xuntáronse nunha plataforma de carácter comarcal que loita polo mantemento da xerencia autónoma na área sanitaria de A Mariña.

As primeiras mobilizacións desta Plataforma en Defensa da Sanidade Pública na Mariña obtiveron como resultado o compromiso da Xunta de que ás áreas sanitarias non desaparecerían e manteríanse como están agora. Pero este anuncio “tranquilizador” é, de certa maneira, un tanto ambiguo. Aquí é onde se produce a confusión nos cidadáns de a pé que descoñecen a diferenza dos conceptos manexados para a organización do sistema sanitario. Evidentemente a área sanitaria como CONCEPTO TERRITORIAL non pode desaparecer de ningunha das maneiras, xa que se trata da área de influencia dun hospital, é dicir, o conxunto de concellos de A Mariña que son atendidos polo Hospital da Costa de Burela. Pero nada se di sobre se o Hospital da Costa de Burela vai manter a súa xerencia propia, é dicir, a súa capacidade de DECISIÓN SOBRE OS RECURSOS materiais e humanos que precise para desenvolver a súa actividade. A pesar das preguntas da Plataforma e dos diversos colectivos, tanto por escrito como de xeito verbal, nada se nos responde a se a xerencia se vai manter ou, polo contrario, se vai centralizar en Lugo. Todo parece indicar que vai ocorrer o último, é dicir, que haberá un único xerente para toda a provincia que será o encargado de repartir os fondos entre os tres hospitais que incorporarán a futura área de xerencia, e, claro está, haberá que establecer prioridades. Haberá un hospital xeral en Lugo que se prevé sexa un dos mellores de Europa e dous hospitais comarcais, está claro que, se hai que cubrir unha praza en cada hospital e só hai unha persoa, a praza que se cubrirá será a do maior hospital.

Para defender os dereitos dos cidadáns da Mariña como usuarios da sanidade pública é polo que nace a Plataforma, para unificar as peticións dos colectivos sociais, laborais e políticos da nosa comarca. Ten que quedar claro que non se trata dunha cuestión política, se non dunha cuestión CIDADÁ, tampouco se trata dunha cuestión de reivindicación laboral dos traballadores, se non dunha cuestión dos USUARIOS, reais ou potenciais, directos ou indirectos, do Hospital da Costa. Por iso debemos xuntarnos todos como cidadáns para reclamar o que é noso, para reclamar que se manteña o que tanto nos custou conseguir, para non perder os nosos dereitos. Debemos recordar que A Mariña é unha comarca cunhas circunstancias especiais e concretas favorecida pola descentralización dos servizos e da administración: por tanto, unificar as xerencias dos hospitais en Lugo suporía unha volta ó pasado, unha volta a hai case trinta anos a cando nos tiñamos que desprazar para a obtención de respostas sanitarias. Está claro que a día de hoxe non podemos saber cales serán as consecuencias, pero tamén está claro que, con toda probabilidade, o que agora temos acabarase perdendo e cando isto suceda non haberá volta atrás.

Fátima Rodríguez Moreda e Presidenta da Asociación de Veciños “O Castro” de Foz

Exit mobile version