Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela reclama garantías de autonomía económica e sanitaria para o Hospital de Costa

BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela reclama garantías de autonomía económicas e sanitarias para o hospital da Costa. Así llo expuxo ao secretario de sanidade da executiva provincial do PSOE, José Luis Díaz, co que mantivo esta mañá un encontro na vila.

Llano avogou por “manter con todos os servizos e con todas as garantías tanto o hospital da Costa coma os centros de saúde que temos na comarca. Eu quero deixar claro que a nosa intención é que non se perda un ápice do que eran os servizos sanitarios do noso hospital, que se incrementen eses servizos e que se amplíen as instalacións de dito centro. Todo se ten que facer para avanzar cara adiante e prestar o mellor servizo aos 80.000 habitantes que ten a comarca da Mariña”.

O rexedor reclama que “a xestión do hospital sexa única, queremos que sexa un hospital con todas as garantías de autonomía tanto económicas como sanitarias, e que teñamos un centro sanitario con características de hospital xeral e non comarcal”.

Alfredo Llano tamén aludiu ao centro de saúde de Burela e anunciou que “como alcalde tamén vou reclamar a presencia no noso centro de saúde dunha pediatra a tempo completo, por un total de 7 horas ao día de xeito habitual. Pensamos que é moi importante e moi demandado na nosa vila este servizo porque hai 1.400 rapaces de 0 a 14 anos, e ademais esa cifra está a medrar, de aí que o servizo sexa cada vez máis necesario. Vou mandar outra vez unha carta ás autoridades sanitarias da Xunta para que teñan en conta esta realidade”.

Pola súa banda José Luis Díaz sinalou que “si se utilizase a quenda de tarde para intervencións e un só quirófano teríamos desde setembro ata agora un total de 200 operacións máis feitas. Reclamamos as inversións previstas de 680.000 euros para obras que están paralizadas, eran obras de mellora e ampliación en xinecoloxía e obstetricia, de acceso pola rampla ao hospital, obras no arquivo que está desbordado e tamén na cuberta do centro. Tamén reclamamos de cara ao futuro que se creen dúas unidades de hospitalización a domicilio, unha para a Mariña Oriental e outra para a Mariña Occidental e que o plan funcional que estaba a deseñar o anterior xerente do hospital para desenvolver a cirurxía maior ambulatorio vaia para adiante e que se cree unha unidade de hospital de día para eses pacientes e mesmo tamén para a atención de crónicos”.

Díaz quere que “tamén nos digan que pasou cos 670.000 euros presupostados polo goberno anterior de Emilio Pérez Touriño e tamén onde van os 600.000 euros previstos no capítulo dous, é dicir en gastos correntes. E sería bo planificar a creación do posto de enfermeira de enlace ou xestora de casos para coordinar toda a atención sociosanitaria”.

Exit mobile version