Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo cualifica de “acusacións infundadas” a “suposta privatización dos servizos sociais no Concello”

NOTA DE PRENSA

Ante as acusacións infundadas feitas pola oposición ribadense acerca da suposta privatización dos servizos sociais no Concello de Ribadeo, o BNG quere facer constar o seguinte:

1. O BNG sempre apostará  por uns servizos sociais de calidade e con carácter público. Así o ten demostrado ao longo dos anos do goberno bipartito creando un sistema público e galego de benestar que agora outros pretenden desmantelar.
2. Desde que o BNG ostenta a alcaldía de Ribadeo, duplicouse o número de persoas contratadas polo Concello para prestar a axuda a domicilio.
3. Cando o BNG asume responsabilidades de goberno xestiona, en base a un ideario político, o día a día. Se a Xunta comunica tardiamente a cantidade a investir en atención a dependentes para o ano 2009, véndose o Concello obrigado a axilizar ao máximo os trámites, non queda máis remedio que buscar solucións inmediatas. Circunstancialmente, e de xeito excepcional, óptase por acudir a unha empresa externa, previo estudo de tres ofertas. Se resulta que a mellor das mesmas é, ademais, de Ribadeo, mellor que mellor. O que si está claro é que se se seguiran os trámites habituais, exposición pública, concurso-oposición, etc., situariámonos xa no ano seguinte, fóra de prazo.
4. Ante esta situación, ben nova, por certo, a oposición pide explicacións. Nada que obxectar. O traballo dos catro concelleiros que día a día sacan adiante o Concello de Ribadeo non ten nada que temer: é transparente. Non parece seguirse o mesmo da actitude da oposición. Por exemplo: como é posíbel que un partido, o PP, sustente a acción de goberno na Xunta, e en Ribadeo actúe como se non fora nada con eles a cousa? A situación de urxencia ante a que hai que reaccionar inmediatamente ven dada pola escasa operatividade dos actuais xestores da Xunta. E desde Ribadeo, o PP quéixase do que fai o BNG no Concello. Acaso non tería nada que dicir da nula eficiencia dos seus compañeiros do Consorcio ou da Consellaría de Traballo? Acaso están máis preocupados por como desmantelar o feito polo BNG que en xestionar ben o que teñen entre mans?
5. Queda a amarga sensación de que uns e outros, desde Santiago, desde Ribadeo, as xentes do PP andan a marear a perdiz para facer oposición ao goberno do BNG no Concello de Ribadeo. E iso sería moi grave: usar as institucións para utilizalas contra outra forza política. Ben farían os populares ribadenses en aclarar a situación.

Exit mobile version