Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Barreiros inicia unha campaña para mellorar a recollida selectiva de vidro

BARREIROS (FNC) .- O Concello de Barreiros tentará mellorar a recollida selectiva de vidro no municipio cunha campaña que dará comezo o vindeiro 23 de decembro, segundo anunciaron hoxe o alcalde, Alfonso Fuente, e o concelleiro de Medio Ambiente, José Manuel Gómez Puente.

O edil popular dixo que “estamos vendo que non hai unha resposta satisfactoria por unha parte da poboación. A nosa idea é empregar o camión que temos como multiusos para utilizalo para esta recollida de vidro. O que lle demandamos á poboación que está a tirar as botellas nos contedores do vidro é que o siga a facer e ao resto da xente, que en moitos casos son maiores que non poden desprazarse a eses puntos de recollida selectiva, é á que lle facilitaremos ese traballo. Entón para ese sector da poboación é esta campaña. Teñen que deixar os seus envases de vidro en bolsas de plástico ao lado do contedor verde e nós pasaremos por alí varias veces á semana para recoller estes residuos. Deste xeito reduciremos un pouco o coste económico a Sogama e facemos unha boa labor para o medio ambiente”.

Gómez Puente insiste en que “a campaña é só para un sector da poboación concreto. O resto da xente que xa estaba a reciclar e a depositar o vidro nos contedores habilitados para este fin deben seguir actuando deste xeito. A campaña prolongarase durante todo o nadal, dado que son unhas datas nas que se consumen máis bebidas e despois valoraremos si seguiremos adiante con esta campaña”.

Exit mobile version