Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Burela edita mil exemplares dun receitario gastronómico sobre o mar e os ourizos

BURELA (FNC) .- A Delegación do Mar de Burela ven de presentar o terceiro libro gastronómico de Os sabores do noso mar que está adicado ao ourizo de mar. A edil, Remedios López, asegura que “tentamos publicitar e dar a coñecer os produtos de gran calidade que se comercializan no noso peirao. Igual que se fixo co receitario da pescada do pincho ou co bonito de Burela estes receitarios repartiranse de forma gratuíta entre a hostalería e levarase por España ás distintas feiras nas que participe o Concello de Burela”.

A concelleira de Mar sinala que “nesta ocasión trátase dun receitario con 13 fotos a color e receitas preparadas polos restauradores máis importantes de Burela. Neste exemplar podemos encontrar pratos tan coñecidos como: revolto de ourizo, tosta de ovo de codorniz con caviar de ourizo de mar, ourizos de mar con fabas, ourizos a vinagreta, paté de ourizo, secreto de ourizo, pizza de ourizo, ourizo recheo de lubrigante, pementos do piquillo recheos de marisco, ourizo e boi de mar, parfait de ourizo de mar e algas, tortilla de ourizo, espárragos recheos de caviar de ourizo e delicias de ourizo con algas nori”.

López Villar engade que “fixéronse 1.000 exemplares que se repartirán nestas datas entre os restaurantes que participaron na xornada gastronómica que se fixo no mes de marzo. Cada restaurante levará 30 exemplares que poderá dar de forma gratuíta á súa clientela sempre e cando consuma algún produto que se comercialice no peirao do Burela. Con esta iniciativa invitamos aos comensais a vir a Burela a comer peixe ou marisco, ou facer a comida de empresa e veranse agraciados cun exemplar desta edición”.

A edil socialista anuncia que “estas xornadas, as máis rendibles para os nosos hostaleiros, volverán a repetirse nos anos vindeiros ata consolidarse igual que se fixo coas anteriores”. O departamento que dirixe Remedios López xa está a traballar na cuarta edición desta colección de libros adicado ao peixe espada.

Exit mobile version