Site icon Crónica3.com A Mariña

O conselleiro de Territorio e Infraestruturas confirma que o corredor da costa non estará rematado antes do 2017

Tramo estrada Viveiro San Cibrao

ORTIGUEIRA .- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, confirmou que o corredor da costa non estará rematado na provincia de Lugo antes do ano 2017. O último tramo da agora denominada vía de altas prestacións, entre Covas e Espasante, sairá a licitación no ano 2015 polo que parte do concello de Viveiro, o concello de O Vicedo, o concello de Mañón e parte do concello de Ortigueira terán que agrardar preto de dez anos para conta vía de altas prestacións.

REFERENCIA

Hernández concretou os prazos de execución e comprometeuse a manter unha reunión cada seis meses cos alcaldes “para dar conta, ante eles e ante os cidadáns, dos avances realizados e da situación das obras”
O 67% da VAP do Norte estará en servizo ou en obras no ano 2013, logo dunha lexislatura enteira na que só se avanzou en 17 quilómetros dos 85 que ten a infraestrutura

*
A Xunta axilizará os trámites o máis posible, co fin de recuperar o tempo perdido durante o mandato do anterior Executivo
*
O anterior Goberno tan só levaba certificados 1,5 millóns de euros dos 16,9 consignados dende o ano 2006 para a VAP do Norte, é dicir, o 9% dos orzamentos totais, o que ven a demostrar que nese tempo practicamente non se avanzou na tramitación desta infraestrutura
*
Pon en valor o esforzo que realiza o actual Executivo, xa que a anterior Xunta actuaba nun época na que a economía non tiña os problemas que está a padecer actualmente, e aínda así non foi capaz de axilizar esta actuación
Ortigueira (A Coruña), 4 de decembro de 2009.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, recordou esta mañá que a Xunta de Galicia incrementou nun 16% os recursos financeiros para a Vía de Altas Prestacións da Costa Norte entre Ferrol e San Cibrao, respecto da cifra de 2009. Aclarou que esta liña de impulso orzamentario tamén está acompañada por un traballo de axilización dos trámites desta infraestrutura ao máximo posible, coa finalidade de recuperar o tempo perdido durante o mandato do anterior executivo. Nese senso, explicou que na actualidade tan só hai dous tramos en fase de obras e que se está a retomar a tramitación do resto de tramos, xa que boa parte deles atopáronse paralizados.

TREITO AUTONÓMICO FERROL – SAN CIBRAO    2009    2010    INCREMENTO
Estudos, Proxectos e Obras    AC/00/62.0 VAC FERROL-SAN CIBRAO (PROVINCIA DE A CORUÑA)         6.763.067            9.827.949          3.064.882       45%
Estudos, Proxectos e Obras    LU/00/63.0 VAC FERROL-SAN CIBRAO (PROVINCIA DE LUGO)         4.865.502            4.554.830       –    310.672       -6%
Expropiacións    AC/00/62.0 VAC FERROL-SAN CIBRAO (PROVINCIA DE A CORUÑA)         1.500.000            1.915.268             415.268       28%
Expropiacións    LU/00/63.0 VAC FERROL-SAN CIBRAO (PROVINCIA DE LUGO)         2.000.000            1.277.031       –    722.969       -36%
15.128.569          17.575.078          2.446.509       16%
Así o manifestou esta mañá Agustín Hernández no decurso dunha reunión informativa celebrada en Ortigueira e na que participaron representantes de todos os concellos da provincia da Coruña e Lugo polos que pasa esta infraestrutura de gran relevancia para a zona norte de Galicia: Ortigueira, Neda, Narón, San Sadurniño, Moeche, Cerdido, Cariño, Mañón, O Vicedo, Viveiro e Xove.
Hernández insistiu en que o Goberno galego tivo que acomodar a planificación desta vía de alta capacidade ao estado existente na tramitación dos proxectos que deixaron feito os responsables do Goberno bipartito.
Segundo informou, no momento de traspaso de poderes (abril de 2009), o Goberno galego tan só levaba certificado 1,5 millóns de euros dos 16,9 consignados dende o ano 2006 para a VAP do Norte (10 millóns para os tramos da provincia da Coruña e 6,9 para os da provincia de Lugo), é dicir, o 9% dos orzamentos totais, o que vén a demostrar que nese tempo practicamente non se avanzou na tramitación desta infraestrutura.
Prazos do Plan Move
Situación actual
Nestes momentos, da lonxitude total da VAP (85,17 quilómetros), atópanse en fase de obras 17,91 quilómetros: a variante de Ortigueira (9,9 quilómetros) e o tramo Celeiro-San Cibrao (8,01 quilómetros). Polo tanto, a fase de execución é do 21,03%. Sinalou que a variante estará en servizo en 2011 e Celeiro-San Cibrao en 2012.
Situación 2010
No vindeiro ano iniciaranse as expropiacións dos seguintes tramos:
• San Sadurniño-Campo do Hospital (1ª fase): 8 quilómetros
• Viveiro Sur-Celeiro: 11,2 quilómetros
Polo tanto, atoparanse en obras ou expropiacións 37,11 quilómetros, é dicir, o 43,57% do traxecto.
Situación 2011
Neste ano estarán en obras todos os tramos indicados anteriormente e ademais rematarase e porase en servizo a variante de Ortigueira. Tamén se iniciarán as expropiacións de San Sadurniño-Campo do Hospital (2ª fase), de 11,62 quilómetros, e se licitará o dito tramo.
Situación 2012
A finais de 2012 a VAP da Costa atoparase na seguinte situación:
• Tramos en servizo: 17,91 quilómetros (variante Ortigueira e Celeiro-San Cibrao)
• Tramos en obras: 30,82 quilómetros
• Tramos con proxectos redactados: 36,44 quilómetros
Situación 2013
No ano 2013 iniciaranse as expropiacións de:
• Campo do Hospital – AC101: 7,85 quilómetros
• Covas – Viveiro Sur: 9,9 quilómetros
Ese mesmo ano porase en servizo o tramo San Sadurniño-Campo do Hospital (1ª fase)
Situación 2014
Iniciaranse os expedientes expropiatorios dos tramos:
Espasante- Os Ramos: 6,19 quilómetros
Os Ramos-Covas: 12,5 quilómetros
Ademais porase en servizo o treito Viveiro Sur – Celeiro.
Deste xeito, a situación da VAP en 2014 será:
• En servizo: 37,11 quilómetros
• En obras: 29,37 quilómetros
• En expropiación: 18,69 quilómetros
Situación 2015
Neste ano licitaranse os últimos tramos, entre Espasante e Covas. Ademais poranse en servizo os tramos entre Campo do Hospital e a AC-101 e Covas-Viveiro sur.
Finalización
O conselleiro comprometeuse a finalizar os treitos entre Espasante e Covas antes de 2017.
Agustín Hernández afirmou que esta é a planificación realista e realizable tendo en conta a situación actual dos trámites tras catro anos de paralización de todos os tramos excepto os dous que nestes momentos están en obras. “Fronte á planificación virtual do anterior Goberno, que dicía dun xeito irresponsable que a VAP estaría en 2011 cando, de feito, o actual Goberno atopou o 80% da infraestrutura practicamente na mesma situación que en 2005, a nova Xunta traballará con transparencia, responsabilidade e axilidade para que os cidadáns disfruten desta vía no prazo máis breve posible”, sinalou.
O conselleiro comprometeuse a actuar “con luz e taquígrafos” e, con este obxectivo, brindouse a manter unha reunión cada seis meses cos alcaldes “para dar conta, ante eles e ante os cidadáns, dos avances realizados e da situación das obras”.
O responsable de obras públicas da Xunta afirmou que a VAP da Costa Norte é un proxecto que coñece de primeira man, xa que cando a Consellería de Política Territorial estaba dirixida polo actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e él mesmo era director xeral de Obras Públicas, deixouse listo en agosto de 2005 o estudo informativo e de impacto ambiental de todos os tramos entre Ferrol e San Cibrao. Por outro lado, tamén quedaran en fase de redacción de proxecto os tramos San Sadurniño – Campo do Hospital, Variante de Ortigueira e Celeiro-San Cibrao.
A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes tan só avanzou nos dous tramos que agora se atopan en obras (a variante de Ortigueira e o treito Celeiro-San Cibrao), que supoñen tan só o 21% de todo o trazado, mentres que o resto dos treitos seguiron practicamente na mesma situación na que se deixaron en 2005, incluso algún dos tramos co contrato suspendido, como foi o caso de:
• San Sadurniño-Campo do Hospital: en redacción de proxecto e co contrato suspendido dende agosto de 2008
• Campo do Hospital – AC 101: en redacción de proxecto e co contrato suspendido dende xuño de 2008
• Espasante – Os Ramos: en redacción de proxecto
• Os Ramos – Covas: en redacción de proxecto e co contrato suspendido dende novembro de 2008
• Covas-Celeiro: en redacción de proxecto
Destacou que o 67% da VAP da Costa norte estará en servizo ou en obras no ano 2013, porcentaxe que se elevará ao 80% en 2014, e invitou a restar catro anos a esa data “para decatarnos de como estariamos en 2010 se non se perdera unha lexislatura enteira en relación con esta infraestrutura”.
Situación económica diferente
O conselleiro quixo poñer en valor o esforzo que realiza o actual Executivo, xa que a anterior Xunta actuaba nunha época na que a economía non tiña os problemas que está a padecer actualmente, e aínda así non foi capaz de axilizar esta actuación. Agora, e con recortes orzamentarios, fíxose un esforzo por incrementar as partidas destinadas a esta actuación.
Os tramos estatais
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas recordou que nesta vía o Goberno central tamén ten responsabilidades, xa que o Ministerio de Fomento encárgase da construción do tramo entre San Cibrao e Barreiros. Este último treito, que se construirá como autovía, leva varios anos en fase de estudo informativo. O pasado 23 de xuño publicouse no Boletín Oficial do Estado (BOE) dito documento, que agora se atopa na fase de análise de alegacións. Ademais, o Goberno Central consigna nos orzamentos de 2010 un total de 10.000 euros para esta actuación, o que implica a paralización do treito da súa competencia, concluíu.
Plan Viario
Hernández afirmou que “non se pode poñer en dúbida o compromiso da Xunta co norte de Galicia”, e lembrou que das 8 actuacións contempladas no Plan Viario Ferrol-Eume-Ortegal- A Mariña, 6 xa están en servizo, logo de ser licitadas e adxudicadas polo goberno anterior ao bipartito (As Pontes-Ortigueira, Cabana-Goente-As Pontes, mellora de Cabreiros-Viveiro, VAP Ares-Mugardos, AC-141 coa N-611 en Vilar do Colo, variante de As Pontes); unha está a piques de rematarse (Cabreiros-Viveiro da Autovía Ferrol-Vilalba), e a VAP da Costa.
Variante de Ortigueira
Agustín Hernández aproveitou a súa visita a Ortegal para inspeccionar as obras que se están a realizar nun dos tramos da Vía de Altas Prestación (VAP) da Costa Norte, concretamente a variante de Ortigueira. Trátase dunha actuación que ten un orzamento de licitación de 48,8 millóns de euros. Este vial conta cunha lonxitude de 8,4 quilómetros, a anchura da plataforma é de 12 metros e a calzada está formada por dous carrís de 3,5 metros, mentres que as dúas beiravías miden 2,5 metros. No proxecto técnico estipúlase un carril adicional para circulación rápida de 2,7 quilómetros; tres enlaces: Ortigueira sur (AC-101), Ortigueira norte, e Espasante; dous viadutos; catro pasos superiores; dous pasos inferiores e un muro de terra armada.

Exit mobile version