Site icon Crónica3.com A Mariña

A Escola Municipal de Música de Mondoñedo interpretou a operata Hansel e Gretel adaptada ao galego

MONDOÑEDO .- O delegado da Área de Cultura da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, asistiu esta noitiña á representación dunha opereta por parte da Escola Municipal de Música de Mondoñedo que encheu o Auditorio Municipal até a bandeira. Antonio Veiga estivo acompañado do Alcalde de Mondoñedo, Orlando González, o concelleiro de Cultura, Xusto Fernández, e outros membros da corporación municipal.

A peza que representou a Escola Municipal de Música de Mondoñedo, que dirixe Xan Carballal, é unha adaptación ao galego dunha ópera baseada no conto de Hansel e Gretel, para cuxa adaptación o propio Xan Carballal realizou os arranxos de orquestra coa colaboración de Xulia Nogueira, quen adaptou a representación do conto para ser posta en escena polos alumnos e alumnas de todas as idades da Escola Municipal de Música de Mondoñedo.

A peza musical xa foi estreada esta mesma mañá en dúas funcións para o público en idade escolar da cidade de Mondoñedo e colleitou o maior dos aplausos por parte da xuventude mindoniense. Segundo manifestou o nacionalista Antonio Veiga, “desde a Área de Cultura da Deputación resulta gratificante poder acudir a representacións deste tipo que confirman o bo traballo que se realiza desde os ámbitos das escolas de música, polo que desde a nosa institución seguirase apoiando aos concellos, asociacións e entidades que promovan actividades culturais proveitosas para o conxunto da sociedade lucense e galega”.

Exit mobile version