Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP asegura que a Xunta vai restaurar a fortaleza de Tovar, en Lourenzá

NOTA DE PRENSA
Na súa reposta a unha pregunta formulada pola deputada do PPdeG no Pleno do Parlamento, Roberto Varela indicou que a consellería procedeu xa a desbloquear a situación de parálise mantida polo Bipartito

O CONSELLEIRO DE CULTURA CONFÍRMALLE A EMMA ÁLVAREZ CHAO O COMPROMISO DO SEU DEPARTAMENTO DE RESTAURAR A FORTALEZA DE TOVAR, EN LOURENZÁ

* A Xunta mantén contactos co propietario do inmoble e co Concello para subscribir un acordo que permita actuar sobre a Fortaleza e darlle un uso público.

Santiago, 22 de decembro de 2009.- O conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta, Roberto Varela, confirmoulle hoxe á deputada do Grupo Popular Emma Álvarez Chao o compromiso do seu Departamento de executar as actuacións necesarias para restaurar a fortaleza de Tovar, en Lourenzá. Álvarez Chao formulou hoxe ao conselleiro unha pregunta no Pleno do Parlamento interesándose pola previsión de execución dun proxecto de consolidación da edificación.

Na súa resposta, Roberto Varela indicou que a consellería procedeu xa a desbloquear a situación de parálise mantida polo Bipartito e cuantificou en 300.000 euros o investimento necesario para unha intervención que permitiría preservar a singularidade e riqueza arquitectónica deste ben patrimonial. Cultura inclúe este edificio dentro dos que requiren dunha intervención urxente debido ao seu especial estado de abandono, deterioro ou ruína, por considerar que a Fortaleza de Tovar precisa unha intervención firme e decidida.

Igualmente, informou de que a Xunta mantén contactos co propietario do inmoble e co Concello para subscribir un acordo que permita actuar sobre a Fortaleza e darlle un uso público, mediante a cesión ao Concello da dispoñibilidade do edificio ou dalgunha das súas partes.

Emma Álvarez Chao salientou na súa intervención a necesidade de acometer obras neste edificio histórico para consolidalo, “debido ao grave risco de virse abaixo por atoparse nunha situación ruinosa”. A deputada remarcou o gran interese turístico-cultural que a Fortaleza de Tovar ten para A Mariña de Lugo, tanto pola escaseza deste tipo de edificacións en toda a provincia coma pola súa situación privilexiada, preto da costa, a escasos quilómetros do Mosteiro de San Salvador de Lourenzá, tamén catalogado como Ben de Interese Cultural e, “sen dúbida, por esta preto do Camiño de Santiago”.

Exit mobile version