Site icon Crónica3.com A Mariña

Premio Osixeno de Honra para Isaac Díaz Pardo e premio Dioxina para a conselleira do Mar e o presidente de Pescanova

SANTIAGO .- A asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) fallou os premios Osixeno e Dioxina e concedeulle o premio Osixeno de Honra a Isaac Díaz Pardo, pola súa traxectoria de compromiso coa cultura do país. Os premios Osixeno nesta ocasión corresponderon á Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa, na categoría de colectivo e ao ex-alcalde de A Veiga, Fernando Fernández Yáñezna, categoría individual. Os premios Dioxina, á actitude ou actuación máis agresiva e insustentábel, outorgáronllo aos “líderes” mundiais responsábeis do fracaso da Cimeira do Clima de Copenhagen. Na categoría individual o premio foi ex aequo a Manuel Fernández de Sousa-Faro, presidente de Pescanova e á conselleira do Mar Rosa Quintana.

REFERENCIA

Un ano máis, e van xa 9 edicións, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) falla os premios OSÍXENO e DIOXINA. Estes recoñecementos pretenden subliñar a millor e pior actuación de persoas ou colectivos a prol (premio OSÍXENO) ou en contra (premio DIOXINA) do medio natural.
Dende que no ano 2000 a delegación e ADEGA en Compostela instituira estes premios, inicialmente cun carácter local, a repercusión de determinados comportamentos teñen sobre o ambiente fixo que pronto acadaran un carácter nacional. Deste xeito, en anteriores convocatorias foron premiadas diversas institucións, persoas e colectivos que como as Plataformas Veciñais contra o Plano Acuícola (2007) mereceron o premio Osíxeno polo seu labor en defensa do ambiente de Galiza. Na banda contraria, empresas como ENDESA-FENOSA-IBERDROLA (2008) ou colectivos coma os incendiarios responsábeis dos lumes de 2006, foron tamén “recoñecidos” co premio Dioxina polas consecuencias negativas da súas actuacións insustentábeis.
Hai tres anos ampliamos o carácter destes premios establecendo dúas modalidades para recoñecer o labor tanto de colectivos como de persoas en cada unha das categorías.
isaac.jpgOutra das novidades é que este ano ADEGA quere conceder tamén un premio OSÍXENO DE HONRA a toda a traxectoria vital de compromiso co noso país e coa nosa cultura de D. Isaac Díaz Pardo. Resaltamos tamén con esta mención o papel transcendente de Díaz Pardo na conservación do legado xeolóxico de D. Isidro Parga Pondal, coidando dos fundos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe. Estes fundos son agora custodiados e postos en valor no Instituto Universitario de Xeoloxía, dependente da Universidade de Coruña.

Nas demáis categorías, os/as premiados/as nesta edición de 2009 son:

Premio OSÍXENO á millor actuación/actitude ambiental do ano:
[Depósitos do Ferrazo] -Categoría colectivo: Á Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa (PDRA) pola súa teimuda loita en defensa da ría  e contra a aberración que supoñen os depósitos de hidrocarburos do Ferrazo (Vilagarcía), en pleno corazón dun dos ecosistemas marítimos máis diversos e produtivos do mundo. As súas iniciativas, exemplo de intelixencia e compromiso coa Terra, veñen de ser refrendadas polas sentenzas do TSXG e do Tribunal Supremo, que declaran ilegais as autorizacións concedidas polo governo Fraga ao carecer a obra de estudo de impacto ambiental.
Francisco Fernández-Categoría individual: Ao ex-alcalde de A Veiga Fernando Fernández Yáñez recentemente obxecto dunha moción de censura por “ecoloxista radical”. A súa aposta polo desenvolvemento sustentábel do seu concello promovendo o turismo respectuoso, a criazón dunha aula da natureza e de varios roteiros, a substitución da feira de caza “Trevenatio” polo festival “Trevincafolk” e, especialmente, a súa oposición á estación de esquí e ao parque eólico en Pena Trevinca así como a unha canteira de lousa en Riodolas, fíxolle obxectivo dos especuladores que baixo a acusación de “ecoloxista radical” desaloxárono da alcaldía. Diante disto, o Sr. Fernández declarou que “ecoloxista radical é o millor insulto que me poden adicar”.

Premio DIOXINA á actitude ou actuación máis agresiva e insustentábel:
[Os responsábeis son estes. Crédito: FlickR] -Categoría colectivo: Aos autoproclamados “líderes” mundiais, responsábeis do fracaso da Cimeira do Clima en Copenhaguen. A súa falta de visión, arrogancia e irresponsabilidade impediron acadar un acordo ambicioso para a loita contra ao cambio climático. Sen acordos vencellantes, sen cifras realistas para rebaixar as emisións, sen mecanismos de control, sen datas de cumprimento… os principais governantes do mundo perderon unha oportunidade crucial para acadar un comprimoso serio de redución de GEIS, traizoando as esperanzas que millóns de persoas tiñamos depositado nesta xuntanza.
-Categoría individual: Ex aequo para Manuel Fernández de Sousa-Faro, presidente de PESCANOVA e a conselleira do Mar Rosa Quintana, dúas caras dunha mesma e insustentábel moeda. A prepotencia, a soberbia e a cobiza polo noso patrimonio natural do primeiro, concretada no proxecto de destrución de Touriñán, e a escandalosa ignorancia, desprezo pola lei, e connivencia da segunda coa deterioración da nosa costa, fanos máis que merecedores deste “recoñecemento”.

Os premios entregaranse no decurso dun xantar de confraternización que terá lugar o vindeiro sábado 9 de xaneiro ás 14 horas na casa de xantar “O Dezaseis” de Compostela.

Exit mobile version