Site icon Crónica3.com A Mariña

PSOE e BNG apoian ao PP para que o goberno do Estado reforce os medios materiais e persoais dos servizos médicos do ISM

NOTA DE PRENSA

O voceiro do Mar dos populares galegos demandaba a través desta iniciativa ao Executivo socialista central que garanta a calidade deste servizo básico para a protección da seguridade e saúde das xentes do mar
O PARLAMENTO DE GALICIA PIDE POR UNANIMIDADE, A INICIATIVA DO  PPdeG, QUE O GOBERNO CENTRAL REFORCE OS MEDIOS MATERIAIS E PERSOAIS DOS SERVIZOS MÉDICOS DO INSTITUTO SOCIAL DA MARIÑA

* Os populares lembran que os recoñecementos médicos que practica o ISM, que  acreditan o bo estado de saúde daquelas persoas que van a embarcar, son preceptivos segundo a lexislación vixente e polo tanto as demoras que se están a rexistrar no servizo implican que moitos dos tripulantes perdan o embarque, co conseguinte menoscabo económico

Santiago, 18 de decembro de 2009.- O Parlamento de Galicia pide, a iniciativa do PPdeG – e co apoio do resto das forzas políticas- que o Goberno central reforce os  medios materiais e persoais dos servizos médicos que o Instituto Social da Mariña ten na nosa Comunidade. O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro Orol, demandaba a través desta iniciativa ao Executivo socialista de Zapatero que garanta a calidade deste servizo básico para a protección da seguridade e saúde das xentes do mar.

O Grupo Parlamentario Popular tiña constancia de múltiples queixas dos usuarios dos servizos médicos do Instituto Social da Mariña (ISM) na costa de Lugo- nomeadamente nas localidades de Celeiro e Burela-, xa que se estaban a producir importantes demoras no establecemento das citas que este organismo outorga para que aqueles que teñen previsto embarcar poidan efectuar o correspondente recoñecemento médico. Malia que nun primeiro momento o ISM reforzou o servizo con novos facultativos, despois das denuncias dos populares, a solución non se adoptou con caracter permanente, polo que son frecuentes novos colapsos no servizo.

Desde o PPdeG lembran que os recoñecementos médicos que practica o ISM e que  acreditan o bo estado de saúde daquelas persoas que van a embarcar, son preceptivos segundo a lexislación vixente e polo tanto as demoras que se están a rexistrar no servizo implican que moitos dos tripulantes perdan o embarque, co conseguinte menoscabo económico.

FUNCIONAMENTO ANÓMALO DA ADMINISTRACIÓN

“Non pode ser que un funcionamento anómalo da Administración Pública dependente do Goberno socialista de Zapatero vaia en prexuízo das xentes do mar. Estamos a falar dun servizo básico de importancia radical, por canto se trata de garantir que as persoas que embarcan poden facelo en perfecto estado de saúde. O esquecemento no que o Goberno central mantén á Mariña lucense non pode chegar ata estes extremos. De aí que, teña todo o sentido que sexan as institucións galegas e, de ser posible, por acordo de todas as forzas políticas, ás que insten a administración central a corrixir estas deficiencias. Esperemos agora, que o Goberno central faga caso  a esta demanda do Parlamento”-explicou o voceiro do Mar do PPdeG.

CAMBIO NO MODELO DE CONTROL DAS BIOTOXINAS

Esta non foi a única iniciativa do Grupo Popular, tramitada no seo da Comisión 8ª, de Pesca e Marisqueo, celebrada na mañá de hoxe no Parlamento de Galicia. Os populares preguntaron sobre a incidencia do posible cambio de modelo de control de biotoxinas mariñas nos mariscos bivalvos que propón a Comisión Europea e que podería traer consigo un grave prexuízo ao sector marisqueiro e bateeiro galego, xa que implicaría o peche e a prohibición de comercialización de moita da nosa produción.

Os populares adiantaron que promoverán  todo tipo de iniciativas, tanto na Cámara galega como no resto das institucións, incluído as comunitarias, para que, cando aló polo mes de abril, teña lugar unha nova xuntanza do comité europeo encargado de adoptar a decisión final ao respecto do método de análise das biotoxinas, tanto o  Goberno de España como o resto dos países membros da Unión, desboten esta posibilidade e defendan a continuidade do modelo analítico actual –de carácter biolóxico-, que ofrece plenas garantías para a saúde dos consumidores.

O voceiro do Mar, Balseiro Orol, amosa o total apoio dos populares galegos ás xestións que está a efectuar a Xunta na defensa dos intereses do sector marisqueiro e bateeiro galego, tendo en conta ademais que os mariscos bivalvos e mexillón capturado en Galicia é, pola súas condicións nutricionais e garantías hixiénicas, o mellor  do mundo, con diferenza.

Exit mobile version