Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo contará con tres rutas de sendeirismo pola costa, pola ría e polo interior

RIBADEO (FNC) .- Ribadeo contará en breve con tres rutas de sendeirismo que discorrerán pola costa, polo interior e pola ría. É un proxecto que se enmarca dentro da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, segundo ven de anunciar o concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro.

O edil nacionalista subliñou que “imos facer unhas rutas de sendeirismo a conta da Reserva da Biosfera cos 50.000 euros que nos foron asignados para este ano 2009. Van descorrer a través de varias parroquias, e vanse denominar como ruta da costa, ruta interior e ruta da ría. A ruta da costa irá entre Ribadeo, Rinlo e As Catedrais, a da ría partirá de Ribadeo e rematará en O Vilar en Ove e a do interior irá de Ribadeo a Remourelle”. Cupeiro explicou que “todo esto farase con moita sensibilidade e coas autorizacións pertinentes xa que se trata de zonas moi protexidas. Estes días estivemos co director do Ibader (Instituto da Biodiversidade) Pablo Ramil, visitando eses trazados porque quixo coñecer in situ esas rutas, orientounos, estamos a tomar as medidas que nos dixo e dentro dunha semana coñeceremos a viabilidade e o desenvolvemento de ditas rutas”.

Dentro do mesmo proxecto “imos tamén terminar o Muiño de Ignacia, imos poñer uns paneis explicativos e a instalación eléctrica cunha dínamo de corrente continua para que poida iluminar e facelo desde o punto de vista didáctico. Queremos colocar unha barandilla na ponte e selar a balsa de auga, para que non se escape a que chega do río”, seguiu a relatar o delegado de Medio Ambiente.

Horacio Cupeiro engadiu que “imos editar trípticos para orientar á xente polas rutas, e colocaremos paneis informativos sobre a fauna e a flora… aproveitaremos para colocar outros que están deteriorados e rotos como os da Casa da Ría. Esto temos que facelo todo con moita sensibilidade e temos que seguir defendendo este territorio como sexa”.

Exit mobile version