Site icon Crónica3.com A Mariña

Un cento de persoas participaron en Mondoñedo nas xornadas de música tradicional da asociación de Gaiteiros Galegos

MONDOÑEDO .- Máis de cen persoas asistiron as xornadas de música tradicional que organizou en Mondoñedo A Tradescola xestionada pola asociación de Gaiteiros Galegos durante os días 10 e 13 de Decembro. Estas xornadas, estiveron guiadas por dous profesores da Tradescola, Bruno Villamor e Emilio Mesías, dous mestres de recoñecido prestixio no eido da música tradicional.

Nota de Prensa

GRANDE ÉXITO DAS XORNADAS DE MÚSICA TRADICIONAL EN MONDOÑEDO, QUE FORON ORGANIZADAS POLA ASOCIACIÓN DE GAITEIROS GALEGOS A TRAVÉS DA TRADESCOLA

Máis de 100 persoas asistiron a estas xornadas, que tiveron lugar o mercores día 9 e o domingo 13 de decembro, e na que se realizaron concertos e obradoiros de música tradicional.

Mondoñedo, a 13 de Decembro de 2009. A Tradescola, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, realizou os días 10 e 13 de Decembro, unhas xornadas didácticas en Mondoñedo adicadas a música tradicional. Estas xornadas, estiveron guiadas por dous profesores da Tradescola, Bruno Villamor e Emilio Mesías, dous mestres de reconocido prestixio no eido da música tradicional.

As xornadas, que se iniciaron o mércores na Casa da Xuventude de Mondoñedo cun concerto didáctico adicado a escolares, continuaron no día de hoxe con un curso de gaita no que os asistentes puideron aprender nos obradoiros de iniciación a morfoloxía da gaita: familia, partes e materiais nos que se constrúe, exercicios técnicos para o dominio da primeira oitava, traballo do tempero, sistemas básicos para a repetición de notas: picados e batementos e outros exercicios.

No obradoiro de perfeccionamento,ensinouse a afinación da gaita: afinación do ronco e breves pautas a seguir para acadar unha perfecta afinación do punteiro, representación gráfica dos ornamentos máis empregados á hora de interpretar unha melodía coa gaita e  a ornamentación de pezas .

Dende a Asociación de Gaiteiros Galegos pensamos que este tipo de xornadas , que están orientadas aos alumnos, profesorado e persoas interesadas na música tradicional en xeral, favorecen a difusión e promoción da  cultura tradicional e axudan a incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego na sociedade actual.

UNHA ASOCIACIÓN CREADA PARA DEFENDER A DIGNIDADE DA MÚSICA TRADICIONAL

A AGG conta neste momento con 700 asociados e asociadas distribuídas por todas as  comarcas galegas e na Galiza exterior. A través dos seus asociados a AGG ten presenza na maior parte das asociacións e colectivos culturais que desenvolven actividades en torno á música tradicional no país.

A AGG é  a entidade asociativa máis representativa e con maior peso específico no tocante á música tradicional en Galiza.

A TRADESCOLA

A Tradescola, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos conta cunha proposta educativa que lle permite ao alumnado adquirir unha formación integral nos eidos da música e do baile tradicional.

Na Tradescola impartense aulas de gaita, zanfona, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, percusión, requinta, linguaxe musical e etnografía e investigación, e asisten a elas un total de 200 alumnos.

Coa intención de complementar a formación do alumnado,e no seu afán de incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego na sociedade actual, impártense cursiños monográficos e realízanse outras actividades relacionadas coa difusión da cultura tradicional. O obxectivo é ofrecer formación a todas as persoas interesadas na música tradicional e poder colaborar con asociacións de toda a provincia, a través da realización de outras actividades relacionadas co ensino da música e baile tradicionais. A actividade da escola, aínda que centrada en Lugo, trasládase así, a través de diversas accións formativas, ás distintas comarcas da provincia.

Exit mobile version