Site icon Crónica3.com A Mariña

A deputación aprobou facturas con disconformidade no 2009, segundo o PP

NOTA DE PRENSA
O GPPP asegura que a Deputación aprobou no 2009 facturas con disconformidade de Intervención por importe de 2,2 millóns de euros

* Critican que na administración provincial continúe a imperar a vagancia e a ausencia de control sobre o gasto

* Os populares instan a Gómez Besteiro a reflexionar e a asumir dunha vez por todas a defensa dos intereses da provincia coa presentación de proxectos que contribúan o seu desenvolvemento

Lugo, a 18 de xaneiro de 2010.- O Grupo provincial do Partido Popular asegura que o equipo de goberno da Deputación que lidera José Ramón Gómez Besteiro encetou o novo ano coas mesmas malas prácticas dos exercicios anteriores. É dicir, segue a imperar a vagancia e a ausencia de control sobre o gasto. Así o afirmou hoxe nunha rolda de prensa o voceiro adxunto dos populares na administración provincial José María González Barcia.

O deputado popular explicou que os responsables da administración provincial estableceron como hábito recurrir á aprobación de gastos vía decreto do Presidente. De feito, durante o pasado mes de decembro deuse luz verde por este método a gastos, que carecían da pertinente consignación orzamentaria, por importe de preto de medio millón de euros “pese a que, como cando os levaban ás xuntas de goberno, seguen a contar con informes desfavorables de Intervención”.

Os decretos foron asinados con data de 9, 11 e 29 de decembro por importe de 244.063,39; 34.906,49 e 195.421,43 euros respectivamente.

Segundo as contas dos populares, durante o pasado ano os responsables da Deputación deron o visto bo a facturas con informes negativos de Intervención por un importe total de 2,2 millóns de euros, o que vén a supoñer preto do dous por cento do orzamento da institución provincial.

Dende o GPPP instaron a José Ramón Gómez Besteiro e ó seu equipo a reflexionar sobre o seu papel ó fronte da institución provincial e apelaron a súa responsabilidade para trocar de actitude. “A Deputación debe liderar, coa presentación de proxectos comprometidos e decididos, a recuperación económica desta provincia e non limitarse, como agora, a ser unha mera xestora de subvencións”, apuntillaron.

Ademais, segundo explicou Barcia, as xuntas de goberno da Deputación seguen a carecer de contido, ó tempo que se mantén coma constante a ausencia dos seus membros. Coma exemplo deste último aspecto referíronse á segunda reunión do ano, a celebrada o pasado 8 de xaneiro, á que só asistiron catro dos nove integrantes, e na do día 15, cinco de nove. “Principiaron o ano con gañas de traballar”, asegurou con ironía González Barcia.

XUNTAS DE GOBERNO CON MEROS ASUNTOS DE TRÁMITE.-

Así, no que atinxe á orde do día da xunta de goberno do pasado venres, os “relevantes” asuntos tratados restrinxíronse á aceptación da renuncia dunha subvención dunha comunidade veciñal, á ampliación do plazo para que as asociacións justifiquen subvencións e á aprobación dun proxecto de modificación da obra de rehabilitación de vivenda para restaurante no Pazo de Tor. Unha actuación que, segundo puntualizaron os populares, estaba prevista e adxudicada en 2006 por importe de 425.000 euros pero que, “sen razóns aparentes” o equipo de Gómez Besteiro mantivo paralizada ata agora.

“O Goberno que lidera Gómez Besteiro segue a amosar no 2010 a mesma incapacidade para tomar decisións que revistan certa relevancia para esta provincia que os anos precedentes. Non se presentan proxectos nin actuacións que supoñan ningunha mellora sustancial para o desenvolvemento económico ou para a dotación de máis servizos para os lucenses. Non hai traballo e eso nótase nos resultados. A crítica está xustificada porque as xuntas de goberno mencionadas non son unha excepción, senón unha constante coma reiteradamente vimos denunciando”, explicou.

“Cos orzamentos deste ano aprobados é tempo de presentar proxectos pero o ritmo de traballo é tan lento que o tempo vénselle encima incluso para aprobar a concesión de subvencións. De feito o pasado 28 de decembro tiveron que meter a toda prisa todas as axudas que quedaban pendentes en cultura e deportes porque do contrario xa se iban ó ano 2010”, engadiu.

Exit mobile version