Site icon Crónica3.com A Mariña

A deputación instará á Xunta a retirar o borrador do decreto que rebaixa o uso do galego

LUGO .- Por iniciativa do BNG, no pleno provincial do próximo martes debaterase para tomar o acordo de goberno no que se lle esixe á Xunta cumprir coas obrigas de normalización do idioma que estabelece o Estatuto de Autonomía

A DEPUTACIÓN INSTARÁ Á  XUNTA A RETIRAR O BORRADOR DO DECRETO QUE REBAIXA O USO DO GALEGO NO ENSINO

Por iniciativa do BNG, no pleno provincial do próximo martes debaterase para tomar o acordo de goberno no que se lle esixe á Xunta cumprir coas obrigas de normalización do idioma que estabelece o Estatuto de Autonomía

Instarase ao goberno do PP a retornar ao consenso político e social que se estabelece no marco normativo da Lei de Normalización Lingüística e no Decreto 124/2007, consecuencia do PNL aprobado por unanimidade das forzas parlamentares

Lugo, 20 de xaneiro de 2010. A iniciativa do grupo provincial do BNG, a Deputación de Lugo debaterá para a súa aprobación no pleno do vindeiro martes un acordo da Xunta de Goberno mediante o cal se insta á Xunta de Galiza a retirar o borrador do decreto que rebaixa o uso do galego no ensino como lingua vehicular. Esta proposta de acordo de Goberno vén motivada pola decisión do PP de derrogar o vixente Decreto 124/2007, aprobado por unanimidade das forzas parlamentares con representación naquel momento, e que constituía un punto de consenso común para regular a normalización do galego no ensino e demais ámbitos públicos.

En substitución deste Decreto, o 30 de decembro o PP presentou un borrador alcumado o decreto do plurilingüismo, xa que propón un terzo de galego, outro de castelán e outro de inglés como linguas vehiculares no ensino. Porén, de xeito pragmático, non se vai dar tal plurilingüismo, xa que o que hai é un avance claro cara ao monolingüismo en castelán. Na súa aplicación práctica, vaise pasar do 50% en galego ao 70 – 30 % en favor do castelán. A introdución do inglés é unha cortina de fume, pois, como o propio decreto admite, non vai haber recursos para financiar a introdución do inglés, moito menos se temos en conta que o PP reduciu os orzamentos para o ensino público.

Tal e como se argumenta na proposta de acordo de goberno da Deputación de Lugo, as bases deste novo decreto vulneran leis básicas aprobadas por consenso e tratados internacionais de dereitos lingüísticos, ademais de recibir fortes críticas e a desaprobación de sectores sociais e institucións como recentemente expresou a Real Academia Galega. En concreto, o borrador do novo decreto vulnera a letra e o espírito da Lei de Normalización Lingüística (artigos 12 e 13), así como da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias (art. 8). Ademais, o borrador non garante que o alumnado acade a competencia plena en lingua galega, polo tanto sitúase mesmo fóra do marco do estabelecido no Estatuto de Autonomía no seu artigo 5º.

No texto que se levará a acordo o vindeiro martes preséntanse fortes críticas ao PP na Xunta de Galiza, centrándose na súa actitude galegófoba que está a propiciar que, en contraposición coa extrema ineficacia e parálise no resto da acción de goberno, o equipo de Feijoo actúe con obsesiva celeridade en contra do galego e das medidas que, en boa parte, impulsou o goberno bipartito da Xunta de Galiza, inspiradas no consenso que estabelece a Lei e o Plan de Normalización Lingüística. Así, eliminou a obrigatoriedade de realizar unha proba en galego para a acceder á función pública, eliminou a condición de impartir en educación infantil un mínimo do 50% en galego en contextos español-falantes; desmantelou o modelo educativo de Galescolas, e reduciu drasticamente o orzamento para diferentes políticas de normalización lingüística, até o punto de que os orzamentos deste ano dedican un 20% menos á normalización que os do ano 2009.

Por estas razóns, o Goberno da Deputación de Lugo tomará o acordo de instar á Xunta a que dea marcha atrás e retire o borrador do Decreto que regula as linguas vehiculares no ensino, cumpra as obrigas estatutarias de normalización da lingua propia de Galiza que estabelece a normativa vixente e recupere o consenso político e social que se estabelece no marco normativo da Lei de Normalización Lingüística e no Decreto 124/2007, consecuencia do Plano de Normalización Lingüística aprobado no seu momento por unanimidade das forzas parlamentares.

Exit mobile version