Site icon Crónica3.com A Mariña

Asuntos Sociais de Cervo anuncia que os organizadores do Encontro de Palilleiras preparan o evento

CERVO .- A concelleira de Asuntos Sociais e Muller do Concello de Cervo, Pilar Armada, indicou que os organizadores da vindeira edición do Encontro de Palilleiras do Concello de Cervo xa comezaron os traballos preparativos desta celebración.

Nota de Prensa

CERVO PREPÁRASE PARA ORGANIZAR O VII ENCONTRO DE PALILLEIRAS

* O evento terá  lugar o vindeiro 27 der marzo na vila de San Ciprián

Cervo, 14 de xaneiro de 2010.- A concelleira de Asuntos Sociais e Muller do Concello de Cervo, Pilar Armada, adiantou hoxe que os membros da organización da vindeira edición do Encontro de Palilleiras do Concello de Cervo xa comezaron os traballos preparativos desta celebración que anualmente ten lugar na vila de San Ciprián e que acolle a máis de 800 palilleiras de distintos puntos da xeografía galega e asturiana.

O Concello de Cervo, a través da delegación de Muller e Servizos Sociais, xunto coa asociación “A Sombriza” e as profesoras María Luz Méndez e Modesta Lombardero, son as encargadas de preparar o programa de actividades deste encontro, que nesta ocasión terá lugar o vindeiro 27 de marzo, así coma as actividades complementarias que se desenvolven nel.

Segundo sinalou a edila cervense, a pesar de que aínda non se abriu oficialmente o prazo para participar, a organización xa conta con persoas de Galicia e Asturias interesadas en acudir a palillar en vivo nesta cita que por terceiro ano consecutivo se desenvolverá no pavillón municipal de Deportes. Paralelamente ao encontro terá lugar na sala de exposicións da Casa da Cultura de San Ciprián unha mostra con traballos realizados en palillos que permanecerá aberta do 26 de marzo ata o 4 de abril.

Así  mesmo durante o encontro as e os participantes terán a oportunidade de realizar unha xeira de visitas turísticas a sitios de interese do termo municipal e tamén participarán en varios sorteos previstos pola organización.

Segundo indicou Armada, os integrantes da organización están a desenvolver unha serie de contactos con diversas institucións e entidades privadas co obxecto de que colaboren neste encontro. Esta cita congrega anualmente ao redor de 800 persoas procedentes de distintos puntos da xeografía galega e tamén do veciño Principado de Asturias.

Exit mobile version