Site icon Crónica3.com A Mariña

Contra a mentira

Como ben demostrou Fermín Bouza, o PP non gañou as eleccións do 1 de marzo pola cuestión da lingua. De feito, entre o electorado máis á esquerda do bipartito houbo certo desánimo polo pouco que se avanzou ao respecto. O desencanto tamén se deixou notar en xeral nunha parte do electorado tanto do PSdeG como do BNG ao non ser quen de reaccionar ante os erros cometidos e o conxunto de acusacións artelladas desde a dereita. Foi a abstención dunha parte do electorado do bipartito a que permitiu que o PP gañara as eleccións.

Porén, e como consecuencia dunha loita interna polo poder, os que anteriormente eran coñecidos como birretes fan gala de, ou déixanse engaiolar por, un discurso que identifica éxito e prestixio co castelán e atraso e ignorancia co galego. Lonxe de valorar o propio demostraron en moitas ocasións que preferían o de fóra (concurso eólico, planta de Pascual en Outeiro de Rei, pouco coidado da paisaxe coa anulación da protección do litoral, contratos continuados con empresas de fóra para actuacións do Xacobeo, etc.).

No caso da lingua, tamén. Como non, empregando o subterfuxio da potenciación do inglés. Vaia trola! Se tan preocupados están pola lingua de Shakespeare, por que razón reduciron tan considerabelmente os desdobres de inglés en Primaria e Secundaria? Ou por que se paralizaron interesantes programas de potenciación de linguas estranxeiras como o desenvolvido pola Universidade de Vigo entre alumnos Erasmus? Ah! Claro! Polo aforro. Din eles. Pero Feijóo agora dispón, ademais dos tres Audis que prometera vender, doutro coche de alta gama para os desprazamentos. E xa se reúne na que consideraban a sala do luxo, da sodoma e gomorra do despilfarro do bipartito. Vanse sacando a carauta segundo vai avanzando a lexislatura.

Como cando o Prestige, ante tanta mentira acumulada, temos que dar unha resposta cívica e participativa maioritaria. Os sindicatos do ensino e os estudantís teñen convocada folga para o día 21. Os pais tamén podemos arrimar o ombro animando aos nosos fillos e fillas a defender con firmeza e espírito cívico a súa lingua, a lingua de todos os galegos e galegas.

Exit mobile version