Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo valora positivamente a colaboración da Deputación na limpeza das estradas municipais

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, cualificou de “benvida” a chegada onte de maquinaria da Deputación provincial co obxecto de acometer traballos de limpeza de viais de titularidade local.

O rexedor agradeceu esta colaboración aos responsables da Deputación, os cales informaron ao alcalde do inicio destes traballos cando as máquinas xa comezaran a limpeza das cunetas no lugar do Castro, na parroquia de Castelo.

Neste senso o rexedor botou de menos “unha maior axilidade” por parte dos responsables provinciais para comunicarse co Concello e dar a coñecer as súas intencións. “Incluso ordenei á policía local que se desprazara ata alí para saber o que estaban a facer nun vial que non é da súa competencia, pero reboqueina en canto se me informaron do que estaban a facer” indicou Villares.

Segundo o alcalde, a premura dos responsables provinciais por empezar sen antes comunicalo no Concello provocou que unha das súas máquinas fixera estragos no muro dunha finca particular, “algo que teremos que arranxar nós agora e que se suma á larga lista de tarefas que ten que acometer a nosa plantilla, a cal está saturada de traballo a raíz das riadas da fin de semana. E todo por non dirixirse antes a nós para informarnos do que ían a facer e consensuar con tempo suficiente as zonas onde actuar” sinalou o alcalde.

Ao marxe desta descoordinación inicial, o alcalde de Cervo valorou positivamente esta axuda e desexou que esta cesión de maquinaria da Deputación supoña “uns novos tempos á hora da relación entre distintas administracións, a cal, penso que sempre debe ser boa, porque redundará en beneficio dos veciños, que ao fin e ao cabo é a quen nos debemos” dixo.

Así mesmo lembrou que concellos pequenos coma o de Cervo vénse incapaces en moitos casos de asumir todas as competencias que posúen “e hai momentos nos que nos estamos desbordados para facer fronte ao mantemento de tódolos servizos cos medios que contamos. Por iso, a axuda dunha administración máis forte sempre é benvida, sobre todo da Deputación, a cal levaba dous anos esquecéndose de nós para este tipo de arranxos”. Villares confiou en que a axuda da Deputación non sexa puntual e se poida repetir de xeito regular noutros traballos coma o acondicionamento de praias nas datas previas á época estival “algo que ata o momento non ten acontecido” asegurou.

Segundo o rexedor cervense, os traballos iniciados onte prolongarase ao longo dos vindeiros días e serán coordinados dende o Concello coa Deputación en base ás necesidades marcadas polo servizo de Obras municipal “xa que son os que mellor coñecen as prioridades e as necesidades a solventar. Así llo fixen saber á representante da Deputación” dixo Villares.

Exit mobile version