Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo asegura que actuou dentro da legalidade no caso da fonte do Porto de Abaixo

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo asegura que actuou aténdose á legalidade e ás indicacións dos técnicos municipais no caso da fonte de Porto de Abaixo en Vilaosende. Fernando Suárez califica de desafortunadas as declaracións efectuadas polo voceiro de UPRI.

O rexedor asegura que “quero saír ao paso destas desafortunadas, ao meu xuízo, declaracións deste portavoz tan inefable como é Paco Rivas acusándome de actuar de xeito ditatorial no deslinde dunha fonte en Porto de Abaixo na parroquia de Vilaosende. O alcalde de Ribadeo o que fai é actuar de xeito legal atendendo ás instrucións dos técnicos, que para eso están no Concello, onde me indican os pasos a dar acerca da investigación da titularidade respecto a un ben que entendemos que é de carácter público, e onde presuntamente un particular se quere apropiar desta fonte”. Fernando Suárez lembra que “xa hai tempo nun pleno da Corporación, creo que unanimemente entre todos, acordamos iniciar un expedente de investigación para determinar si esa fonte era pública ou non e polo tanto recuperar algo de oficio si eso procedía. Segundo marca a lei abrimos unha serie de procedementos, de testemuñas dunha serie de veciños e tamén os técnicos municipais encabezados polo arquitecto tiveron que facer unha serie de recoñecementos e dictames periciais… con todas as probas practicadas vaise dar audiencia aos interesados durante uns días, segundo marca a lei, e despois a proposta de resolución váise levar ao órgano competente, que é o pleno da Corporación”.

O alcalde considera que “eu como alcalde o que debo facer é instruír todos estes pasos para que vaian ben como están indo, e o señor Rivas, coma sempre co ánimo de figurar, pon o carro antes dos bois e me acusa de actuar de xeito ditatorial e de andar amañando cousas antes de que estean claras e a súa pertenza. Esta fonte, que é unha fonte pública segundo recoñeceron multitude de veciños, o Concello tentou amañala o ano pasado dentro dun paquete de varias fontes públicas que quixemos poñer en valor, con notable alegría para moitos veciños desa parroquia, logo xurdiu o conflito e abrimos o procedemento, no que nos atopamos, para determinar a legalidade pública da mesma e a incorporación ao noso rexistro de bens municipais inventariados. É moi desafortunado o que estivo a dicir o señor Rivas na xornada de onte, eu creo que os veciños de Vilaosende deben estar moi agradecidos polo xeito de actuar deste señor, que o único que pretende é armar estarabouzo sen buscar nunca ningunha solución”.

Exit mobile version