Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo cualifica de ridícula a achega anunciada pola Xunta para os danos da riada

NOTA DE PRENSA
A APORTACIÓN EXTRAORDINARIA ANUNCIADA POLA XUNTA PARA REPARAR OS DANOS DA RIADA E RIDÍCULA

Os nacionalistas esixen fondos extraordinarios para axudar a particulares e empresas así como á entidade local cervense a recuperar os cuantiosos danos ocasionados o pasado sábado

Os nacionalista acusan á administración de non controlar a correcta limpeza dos montes despois das cortas co resultado da formación de balsas que ao rebentar ocasionaron fortes subidas do nivel no río

Cervo, 26 de xaneiro de 2010. O BNG cualificou de ridícula a contía económica disposta pola Xunta para paliar os danos ocasionados polas riadas do pasado sábado na Mariña. Os nacionalistas consideran ridícula a cantidade de 100.000 euros como medida de choque para recuperar o leito dos ríos ou as pontes danadas xa que só cos danos ocasionados no concello de Cervo esta cantidade só daría para empezar. O BNG demandou a cuantificación dos danos producidos e a aprobación dun paquete de medidas urxentes para axudar a particulares, empresas e concellos a recuperar as infraestruturas e bens públicos e privados danados pola enchente. Ademais dende o BNG denunciaron a responsabilidade do goberno local e da Xunta de Galiza no control da reposición de pistas e cauces fluviais nos montes danados nas sacas de madeira que provocaron aluvións de auga cargados de restos de madeira e troncos co posíbel creación de balsas que ao rebentar provocaron unha subida de nivel dos ríos case instantánea.

O goberno local debe avaliar o conxunto dos danos producidos e reclamar da Xunta de Galiza apoio económico para recuperar os bens públicos e privados danados

O portavoz municipal nacionalista, Xoán Estúa, anunciou a presentación dunha batería de preguntas para coñecer as accións que está a levar a cabo o goberno local para avaliar os danos producidos no concello pola riada do sábado 23 a fin de reclamar á administración pública galega axudas urxentes para reparar os cuantiosos danos producidos.

Danos cuantiosos en bens públicos e privados que requiren maior apoio económico para a súa recuperación.

Estúa que visitou diferentes puntos do concello cualificou de ridícula a cantidade económica anunciada pola Consellaría de Medio Ambiente “que non chega nin para empezar en Cervo”, ademais dos danos producidos en diferentes pontes do municipio no curso do río Xunco, algunha cun valor patrimonial importantísimo, están danadas tubarias de saneamento, estradas e pistas rurais e forestais e nalgún curso do Río Covo poderían estar afectadas tubarias de abastecemento de auga a vivendas. A recuperación destas infraestruturas vai levar tempo e require dun gran investimento económico do que o concello non dispón.

Na mesma liña, o portavoz nacionalista, demandou a mediación do goberno local na reclamación de axudas económicas para as persoas e empresas cuxos bens resultaron danados pola riada, que nalgún caso aínda se estaba recuperando da anterior de abril de 2008. Estúa ademais denunciou a falta de apoio municipal para a limpeza de algunhas zonas da capitalidade municipal que tiveron que facer os propios veciños.

Os nacionalistas esixiron maior control das administracións na limpeza das masas forestais despois das cortas e o cumprimento dos regulamentos existentes, tanto municipais como autonómicos.

Os nacionalistas cervenses denunciaron a posíbel creación de balsas de auga por tapóns producidos con restos de madeira cortada que ao rebentar causaron unha subida de nivel case instantánea cos resultados xa descritos. Estúa demandou das administracións locais e autonómica maior control e cumprimento das normativas existentes para evitar na medida do posíbel estas situacións. O concelleiro denunciou a existencia de numerosas pistas forestais e cauces de regatos danados nas sacas de madeira que non foron reparadas con posterioridade, a pesar de existir un regulamento ao efecto que o concello non fai cumprir.

Batería de preguntas

Os nacionalista presentaron unha batería de preguntas para coñecer si o goberno local está a facer unha avaliación dos danos en bens públicos e privados, si contempla a solicitude de axudas para a reposición destes bens ou si o goberno local controla a reposición dos danos ocasionados en pistas e cauces fluviais nas operacións de saca de madeira.

Exit mobile version