Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG denuncia que o prezo da pescada está un 37,5 por cen por baixo de 2003

NOTA DE PRENSA
Lobeira denuncia que o prezo actual da pescada está un 37,5% por baixo de 2003

A Mariña desguazou 157 embarcación e perdeu case 1000 empregos en 10 anos

Unha delegación do Bloque Nacionalista Galego, encabezada polo seu Portavoz de Pesca, Bieito Lobeira, mantivo na xornada de hoxe, dúas xuntanzas con representantes do sector pesqueiro en Burela e Celeiro, a fin de pulsar a opinión do mesmo e dar a coñecer a posición do BNG sobre a situación que se atopa. Os nacionalistas da Mariña coincidiron a destacar a importancia que en termos de PIB e de emprego, sigue a representar o sector para A Mariña, e neste sentido recordaron que a día de hoxe esta actividade representa o 15,3 da poboación ocupada en Burela o 10,5 , en Vicedo o 19,4, en Viveiro,o 9,3 en Xove, o 7,3 e o 6,5 en Foz sen contar os postos de traballo en terra que dependen da actividade extractiva.

Bieito Lobeira, que compareceu diante dos medios en Porto de Celeiro, afirmou “que entre 1998 e 2008, na pesca perdéronse preto de 1000 empregos directos, dos que 292 se corresponden coa pesca artesanal e 687 coa pesca de altura. Asemade no mesmo período cesaron na súa actividade un total de 157 embarcacións, proceso que se agudizou en 2009 pola crítica situación que vive o sector”. Aínda así desde o BNG, destacaron o importante potencial pesqueiro da Mariña cun censo de 250 embarcacións en activo que se corresponden con 97 en Burela, 99 en Celeiro,10 en Foz,8 en Ribadeo, 13 en San Cibrao e 5 en O Vicedo.

Na súa rolda de prensa, o Portavoz de pesca dos nacionalistas denunciou “ a crítica situación que está a sufrir o conxunto do sector pesqueiro no conxunto de Galiza, e de xeito moi particular na Mariña, pola alta dependencia da flota desta comarca, da pesquería da pescada que representa o 71% da facturación anual en Celeiro e o 43% en Burela. Non son de recibo os prezos en lonxa da pescada, que no que vai de ano se moveron no caso de Celeiro nun promedio de 3,2 euros e no caso de Burela de 5,2 euros, até o punto de que hoxe mesmo está máis caro o xurel que a pescada . No caso da pescada calquera prezo que non se sitúe por riba dos 4 euros resulta ruinoso, posto que non cubre os costos da actividade. O que non pode ser e que o prezo da pescada se situara o ano pasado un 37,5 por baixo de 2001. A Xunta de Galiza non pode mirar para outro lado, e actuar como se nada pasase, xa que logo é necesario que a administración autonómica se comprometa co sector a fin de mellorar a canle de distribución a fin de ser quen de repercutir ao consumidor final o custo da actividade.”

Lobeira referiuse tamén a delicada situación financeira que atravesan moitas empresas armadores como consecuencia do esforzo que fixeron para modernizarse e abrirse a novas pesquerías” e agora cólleos no medio unha crise do crédito, que desde logo eles non provocaron”. O portavoz nacionalista demandou que os operadores públicos habiliten mecanismos para dar resposta a esta situación e esixiu do IGAPE novas liñas que non se queden nos avais, nos subsidios dos créditos ou na restruturación do pasivo das empresas con problemas.” O IGAPE tal como está formulado hoxe ten unha capacidade de resposta limitada, aínda así, ten máis mecanismos que os que está a poñer a disposición do sector. Agardamos que o novo marco normativo do sistema financeiro galego, e a capacidade de control sobre o crédito que van ter os organismos públicos, signifiquen unha mudanza na política crediticia e de riscos das caixas galegas que permita que chegue a liquidez ao sector”, recalcou Lobeira.

Os nacionalistas, quixeron destacar por último, a actividade estratéxica que ten esta actividade para a Comarca e para o conxunto de Galiza tanto polo que representa en termos de emprego, como de producción.”Galiza representa por si soa o 15% da actividade pesqueira da UE a 27, superando a produción conxunta de Alemania, Grecia Finlandia, Bélxica e Suecia. Zapatero ten que aproveitar a presidencia de torno da UE, para atopar solucións para o sector” conclúe Lobeira.

Exit mobile version