Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela investirá os fondos do Plan E de 2010 en 11 proxectos

BURELA (FNC) .- O Concello realizará ao longo dos vindeiros meses 11 proxectos con cargo aos fondos do plan E do 2010. Burela recibirá 991.000 euros dos que 184.000 irán destinados a políticas sociais e o resto a ditas obras.

A instalación fotovoltaica conectada á rede na cuberta do pavillón polideportivo e a colocación de placas solares para quentar de 1.000 a 1.500 litros de auga tanto no pavillón Vista Alegre como no campo de fútbol son algúns dos proxectos que se levarán adiante. O alcalde sinalou que “esas placas suporanlle uns aforros sustanciais ao Concello de Burela”. Con cargo ao plan E de 2010 está previsto cambiar a iluminación no parque Rosalía de Castro “alí colocaremos lámparas LED, están preparadas para dar unha luminosidade de 150 watios ainda que consumirán uns 48, o que suporá un aforro de máis do 50%. Tamén se cambiarán as luminarias da praza do Concello e colocaremos novas lámparas en Arcadio Pardiñas, que serán continuidade das xa instaladas o ano pasado”.

Burela destinará  83.000 euros á implantación da administración electrónica no Concello, segundo Alfredo Llano “trátase de algo moi necesario para que os veciños teñan mellores servizos”. O alcalde destacou “os 223.000 euros que se investirán no pozo de bombeo da EDAR, que é moi necesario para evitar contaminacións e para mellorar o noso respecto polo medio ambiente. Imos facer tamén durante este ano obras en varias rúas para mellorar a seguridade vial e acometeremos actuacións medio ambientais en Vilar, tras os problemas suscitados nos últimos días semanas polas  intensas chuvias caídas”. O Concello de Burela acometerá a reposición da cuberta da Escola de Música e destina 100.000 euros á eliminación de barreiras arquitectónicas en toda a vila.

Alfredo Llano considera que “estes 11 proxectos que temos moi diversificados  servirán para mellorar ainda máis Burela”.

Por outra banda o alcalde convida a todos os veciños de Burela a asistir ao concerto solidario con Haití que se celebrará mañá sábado a partires das 20:30 horas na Casa da Cultura.

Exit mobile version