Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Burela xestiona co goberno do Estado sintonizadores de TDT para colectivos en risco de exclusión

BURELA (FNC). A Axencia de Desenvolvemento Local e Novas Tecnoloxías do Concello de Burela, da que é responsable o concelleiro de Industria, Comercio e Turismo, José González Legazpi, da hoxe conta das axudas dispostas polo goberno estatal destinadas aos colectivos en risco de exclusión para solicitar equipos sintonizadores de TDT.

O edil nacionalista explica que “dada a importancia que representa a implantación da televisión dixital terrestre (TDT) xa que ven a substituír de forma progresiva ao actual sistema analóxico, e que a partires dos primeiros días de abril cesarán as emisións neste sistema para quedar establecidos totalmente en TDT, o Ministerio de Industria ven de promover a través da Secretaria Xeral de Estado de Telecomunicacións Axudas para os colectivos en risco de exclusión”. Ditas axudas, segundo sinala González Legazpi “van destinadas ás persoas que reúnan ao menos un dos seguintes requisitos: ter 65 anos ou máis cunha dependencia recoñecida de nivel II ou III; atoparse nun grado de discapacidade do 33 % ou superior, constando como unha das súas discapacidades algunha de tipo auditivo ou visual; ter máis de 80 anos e vivir só ou soa, ou ben acompañado/a doutra persoa tamén maior de 80 anos e non ser beneficiario deste plan a través de asociacións ou comunidades autónomas”.

Os interesados en solicitar estas axudas poden facelo ata o 3 de abril deste ano, e de non ser posible desprazarse pode facelo outra persoa na súa representación aportando a documentación requerida.

O concelleiro de Industria, Comercio e Turismo suliña que “as persoas que se atopen interesadas en coñecer estas medidas poden informarse na propia Axencia de Desenvolvemento Local e Novas Tecnoloxías de forma persoal ou chamando aos teléfonos 982 58 10 93 ou 982 58 06 35 , e tamén no Concello igual de forma personal ou chamando ao 982 58 60 00, dentro dos prazos que se determinan nas reseñadas convocatorias”.

Exit mobile version