Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo fai xestións para que os colectivos en risco de exclusión teñan o TDT

RIBADEO (FNC) .- O Concello de Ribadeo, a través dos Servizos Sociais, está a xestionar as axudas que puxo en marcha o goberno estatal para que ninguén quede sen TDT diante da proximidade do apagón analóxico. O plan vai dirixido a aqueles colectivos en risco de exclusión e aos que mediante a presentación dunha mínima documentación se lles entregará un equipo de descodificador totalmente gratis.

Entre os requisitos que deben reunir os posibles beneficiarios destas axudas figuran os seguintes: ter 65 anos ou máis e unha dependencia recoñecida de grao II ou III; ter un grado de discapacidade do 33% ou superior, constando como unha das súas discapacidades algunha de tipo auditivo ou visual ou ter máis de 80 anos e vivir só, ou ben acompañado doutra persoa tamén maior de 80 anos.

A documentación que deben presentar diante dos Servizos Sociais de Ribadeo é o DNI do beneficiario, o certificado de residencia e acreditación do grao de discapacidade ou nivel de dependencia do beneficiario.

O prazo para acceder a este plan de axudas remata o vindeiro 3 de abril.

Exit mobile version