Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Burela reclama o retorno inmediato do servizo de autopsias ao Hospital da Costa

BURELA (FNC) .- O goberno do Concello de Burela presentará no pleno da vindeira semana unha moción para que o servizo de autopsias retorne de xeito inmediato ao Hospital da Costa.

A tenente de alcalde, Neves Cando, lembrou que “a comezos do pasado mes de xullo o deputado do PP José Manuel Balseiro dicía nos medios de comunicación que a realización das autopsias en Lugo era unha situación provisional motivada pola dificultade de cubrir a praza de médico forense vacante no Hospital da Costa”. A edil nacionalista alerta que “pasados xa máis de sete meses esta situación de provisionalidade leva camiño de converterse en indefinida pola falla de interese político que sobre este tema teñen os dirixentes do PP na Xunta de Galicia. Hoxe coñecíamos con sorpresa que este mesmo deputado mariñán presentará unha pregunta no parlamento galego para saber cando se reanudará este servizo en Burela sen máis esixencias nin máis presas”.

Amnesia política do PP

Neves Cando considera que “a amnesia política da que gozan agora os dirixentes do PP contrasta coa utilización tamén política que no seu momento fixeron co sufrimento das familias en relación co servizo de autopsias. Non hai que esquecer que foi o PP quen creou no 2005 o Instituto de Medicina Legal que se encarga, entre outras cuestións, da realización das autopsias e centraliza as de toda a provincia en Lugo capital”. A tenente de alcalde subliña que foron os populares os responsables de dito traslado e engade que “este instituto foi posto en funcionamento e dotado de medios no ano 2006 aplicando o establecido no decreto elaborado polo PP, pero dada a petición unánime dos colectivos sociais e co apoio de todos os partidos políticos no parlamento galego o 1 de setembro de 2007 Burela e o conxunto da Mariña recuperou este servizo. E para conseguir esto revisáronse os criterios científicos e organizativos que establecera o PP no seu decreto e que supuxeran esa centralización das autopsias en Lugo para así poder atender as peculiaridades da nosa comarca en canto a distancias xeográficas coa capital e a densidade de poboación que ten a Mariña de Lugo”.

A concelleira nacionalista segue a relatar que “despois das eleccións de marzo o servizo volve a centralizarse en Lugo poñendo como escusa as prazas vacantes que non se dan cuberto e dicindo que será unha situación transitoria, pero a día de hoxe nada sabemos de cando se recuperará este servizo perdido en Burela e en toda a Mariña. E por eso desde o equipo de goberno solicitamos que as autopsias de volvan practicar de maneira inmediata aquí no Hospital da Costa para evitar os longos traslados a Lugo e as dolorosas esperas para as familias”.

Exit mobile version