Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Cervo destaca o esforzo por solucionar o problema das inundacións en San Cibrao

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, cualificou de “esforzo minucioso e metódico” o traballo realizado ao longo do último mes dende o servizo municipal de Obras para solucionar os problemas de inundacións que ciclicamente se viñan sucedendo en determinadas zonas da vila de San Cibrao.

O rexedor indicou que os traballos feitos teñen un custe superior aos 20.000 euros e foron feitos dende o Concello grazas á axuda económica de distintos departamentos da Xunta de Galicia. As obras consistiron na mellora e derivación das canalizacións de saneamento e pluviais en zonas coma a Avenida da Mariña (fronte á Casa do Mar), a Rúa das Areas e recentemente na Rúa da Cruz.

“Ao longo de todo o mes de decembro estivemos moi atentos para solucionar estes problemas e actuamos en varios puntos estratéxicos do pobo co convencemento de que así quedarían solventadas estas incomodidades na totalidade de rúas afectadas; e de feito en zonas como fronte a Casa do Mar e na intersección da Rúa da Aduana e a Rúa das Areas non se volveron a producir inundacións, pero o xoves pasado vimos que a pesar destes traballos houbo zonas como na Rúa da Cruz onde volveron a repetirse estes atrancos. Nese mesmo momento ordenei acometer os traballos precisos para que dunha vez por todas non se repetiran inundacións neste punto” dixo.

Na súa opinión, as obras acometidas nestas últimas semanas, xunto coas obras do novo saneamento de San Cibrao, garantirán a erradicación dos problemas de inundacións que estaba a sufrir esta localidade e valorou positivamente a colaboración prestada pola Xunta para atallar este problema. “As dilacións e atrasos aos que nos vimos sometidos polos anteriores responsables autonómicos contrasta coa boa sintonía e as facilidades que nos están a dar actualmente de cara a solucionar este problema tan importante para todo un núcleo de poboación. Esta é a mostra feaciente do que se pode chegar a facer cando existe un compromiso de colaboración firme entre as administracións” asegurou Villares.

Aínda así, o alcalde quixo ser cauto e sinalou que dende o Concello non descartan ao cen por cen que se poda producir algunha nova inundación “porque a pesares de que tecnicamente nos aseguran que o problema está arranxado, sempre existe esa posibilidade. Por iso, dende o Concello non baixamos a garda e permanecemos alerta para atallar o posible problema rapidamente, do mesmo xeito que fixemos o xoves pasado na Rúa da Cruz, onde unha brigada de obras traballou arreo día e noite ata conseguir dar unha solución” lembrou o alcalde.

Exit mobile version