Site icon Crónica3.com A Mariña

O “Plan Impulsa Lugo” da Xunta non ten consignación orzamentaria para 2010, asegura o BNG

NOTA DE PRENSA
Veiga considera lamentábel que a Xunta actúe como se a crise non fose con ela

O Goberno Galego recoñece que “Plan Impulsa Lugo” non ten consignación orzamentaria para 2010

O Goberno Galego, nunha resposta escrita ao Portavoz de Economía do Grupo Parlamentario do BNG con data 7 de Xaneiro de 2010, ven de certificar que nos Orzamentos de 2010 non existen partidas específicas para o “Plan Impulsa Lugo”, o que demostra o xa afirmado polo BNG que detrás deste plano o único que se agocha é unha operación de propaganda co que a Xunta de Galiza pretende ocultar a súa falta de resposta política a situación de crise que está a sufrir Galiza. Neste sentido na resposta do Goberno afirmase literalmente: “O Plan Impulsa Lugo e o Plan Impulsa Ourense terán unha consignación orzamentaria axustada as necesidades que se deriven dos estudos e avaliacións posta en marcha”. O Responsábel Comarcal do BNG denunciou que esta resposta “evidencia que temos un goberno ausente, instalado na propaganda,incapaz de facer fronte a grave crise que padece a Galiza interior e que non ten ningún interese en que converxan as dúas Galizas. Sería bo que os representantes do Goberno galego cando visitaran a Comarca acudiran con solucións baixo o abrazo e non con anuncios que non son máis que fume”

Nesta mesma resposta a Xunta de Galiza condiciona a dotación de recursos para a para o “ Plan Impulsa Lugo” a que o Goberno Galego elabore un Plano Estratéxico de Lugo, Plano que non existe a día de hoxe, e que mesmamente non hai coñecemento da súa contratación a diferenza do caso de Ourense onde si que se que está a proceder a actualización dun xa pre existente. O propio Goberno Galego na súa resposta afirma que “Mediante a elaboración dun Plano Estratéxico identificaranse os sectores produtivos con maior potencial de desenvolvemento, e será esta a base para establecer os investimentos, fomentar certas actividades e xerar atractivo empresarial, sendo todo isto realizado coa implicación dos sectores sociais e económicos”. Veiga sinalou que “ o que precisa Lugo e A Mariña, non son Planos, senón consignacións orzamentarias que permitan dar resposta urxente a grave situación que padecen o conxunto dos nosos sectores económicos. Nun momento de dificultade económica como o presente, o Goberno ten que estar ao lado dos que sofren a crise, poñendo solucións e non facendo promesas falsas. É lamentábel que a Xunta de Galiza actúe como se a crise non fose con ela”.

O Portavoz Comarcal do BNG criticou que segundo a Xunta ate 2011 non vai haber nos orzamentos da Xunta dotación para este plano e que as únicas medidas de impulso económico fiquen limitadas a unha serie de incentivos que se recollen nas ordes do axuda do IGAPE e que xa viñan operando desde Outubro de 2009. “Hai que ter en conta que estas axudas non implican aumento no investimento, a pesar dos fondos do BEI xestionados polo Goberno Bipartito, senón modificación no criterio de reparto que ademais son iguais para o conxunto dos territorios galegos. O PP quere camiñar en aumentar a fenda entre a Galiza Atlántica e a Galiza Interior”, recalcou Veiga. “ A pesar de que o Núñez Feijoo tras o Consello da Xunta celebrado en Lugo en verán do 2009 anunciou a inmediata posta en marcha do Plan Impulsa Lugo e do seu xemelgo ourensán nin en 2009 nin en 2010 os proxectos industriais que se desenvolvan na nosa provincia poderán beneficiarse con un euro deste Plano, porque este Plano a día de hoxe carece dun euro”.indicou Veiga.

Exit mobile version