Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Cervo está convencido de que o PSOE terá que cambiar de candidata á alcaldía

NOTA DE PRENSA
O desgaste político dos socialistas locais é máis que evidente xa que os veciños son plenamente conscientes de que a falta de investimentos nestes catro últimos anos son consecuencia do veto do PSOE e do BNG na anterior Xunta bipartita e na Deputación

OS POPULARES CONVENCIDOS DE QUE O PSOE SE VERÁ OBRIGADO A CAMBIAR O CANDIDATO Á ALCALDÍA EN CERVO

· A multitude de contas pendentes que a socialista Lara Méndez ten ante os tribunais de xustiza –sobre ela pesan varias imputacións- poñen en dúbida a súa credibilidade política e forzan ao PSOE a buscar outro candidato para encabezar a lista electoral de Cervo

A Mariña, 23 de xaneiro de 2010.- Os múltiples frontes abertos no PSOE local obrigan a esta formación política a cambiar a súa cabeza de lista, a socialista Lara Méndez, ante as vindeiras eleccións municipais, previstas para dentro dun ano e medio. Así polo menos o interpretan os populares cervenses que ven como as moitas contas pendentes da dirixente socialista, que se verá obrigada a dar múltiples explicacións ante os tribunais de xustiza como consecuencia da súa imputación en varios procesos de presunta corrupción, fan que a actual voceira do PSOE perdera toda a credibilidade política ante os veciños e forzan ao Grupo Municipal Socialista a intensificar as xestións en busca doutro candidato para encabezar a súa lista electoral no municipio.

Pero o desgaste político dos socialistas locais non só é resultado das investigacións xudiciais que pesan contra Lara Méndez senón que tamén teñen que ver coa propia actitude do PSOE nestes catro últimos anos e, de xeito especial, en relación coa anterior Xunta bipartita e o Goberno da Deputación, da súa mesma cor política. Malia que insistentemente desde o PSOE pretenden facer crer que a falta de investimentos que caracterizou os catro últimos anos ten que ver cunha hipótese totalmente falsa –a falta de traballo do Goberno municipal- o certo é que este discurso xa non engana a ninguén, e que os veciños teñen cada vez máis claro que o PSOE xunto co BNG vetaban a chegada de calquera tipo de obra ou investimento en beneficio deste concello. Os populares van aínda máis lonxe e sinalan que co PSOE no Goberno non só non se daban obras para Cervo senón que incluso se quitaban moitas das comprometidas, como foi o caso do saneamento de San Ciprián, que a Xunta bipartita rescindiu –e afortudamente puido recuperarse-.

Exit mobile version