Site icon Crónica3.com A Mariña

O responsable da Rede Viaria Provincial explicou as medidas da Deputación para anticiparse á saída da crise nun congreso de UXT

LUGO .- O responsable da rede viaria provincial da Deputación expuxo no III Congreso Intercomarcal Lugo-A Mariña, organizado por UXT, as medidas que ten a Deputación para anticiparse á saída da crise. Os participantes neste congreso elixiron á nova executiva de Transporte, Comunicación e Mar de UXT.

Nota de Prensa

Díaz Valiño explica as medidas que ten a Deputación para anticiparse á saída da crise

O Deputado provincial participou na inauguración do III Congreso Intercomarcal Lugo-A Mariña

O Deputado da Rede Viaria Provincial, Juan José Díaz Valiño, participou este venres na inauguración do III Congrego Intercomarcal Lugo-A Mariña, organizado por UXT e no que se elexiu á nova Executiva de Transporte, Comunicación e Mar. No acto no que tamén participou o Alcalde de Lugo, José López Orozco, Valiño destacou que “este son uns sectores que se están a ver moi afectados pola crise. Precisamente, as saídas a esta situación no pasan polo recorte de investimentos, senón todo o contrario: máis ca nunca é necesario traballar con visión de futuro, poñendo en marcha medidas que nos fagan ser máis competitivos”.

Neste senso, lembrou que “acabamos de redactar o noso Plan Estratéxico, que será a folla de ruta a seguir nos vindeiros anos para determinar as actuacións a levar a cabo de cara a conseguir unha provincia totalmente vertebrada en sectores como os que aquí están representados. Nestes momentos trátase de priorizar, actuando onde realmente a Deputación ten que ser útil á provincia. Por iso, a pesar de ter menos ingresos, incrementamos un 1,10% os orzamentos para o 2010, superando os 143 millóns de euros”.

A pesca supón un dos piares económicos máis importantes de Lugo, proba disto é que na Mariña están as lonxas máis prestixiosas de España. Precisamente, a flota pesqueira de Lugo representa o 5% da flota galega en número de barcos e supón o 17% do total da tonelaxe e da potencia da flota galega.

No caso do transporte, concretamente o ferroviario, “o Goberno Central, a través do Ministerio de Fomento, está a realizar o maior investimento nunca feito antes na historia de España”. O Deputado provincial subliñou que o Plan Estratéxico de Infraestruturas e Transporte (PEIT) 2005-2020, prevé un investimento de preto de 250 millóns de euros, “o que supón a maior inversión planificada en infraestruturas e transportes, e que permitirá a chegada do tren de alta velocidade a Lugo”.

No que se refire ás telecomunicacións, Valiño indicou que “Galicia e Lugo son un espazo desenganchado e apagado das tecnoloxías de información e da comunicación. A Deputación porá fin a esta situación co programa europeo Innova-TE”. Esta mesma mesma semana quedaba adxudicado provisionalmente o maior prego feito nunca en Galicia no eido das TICs, que está dotado con 7 millóns de euros.

A este respecto, o responsable da Rede Viaria Provincial destacou que “a Deputación está co sector produtivo da provincia, actuando e poñendo solucións enriba da mesa para fomentar o desenvolvemento de Lugo e a creación de emprego. Iniciativas como as que lles comentei, que se suman ás axudas a autónomos e ó programa Pacto Integral polo Emprego, dotado con 4 millóns de euros, son claros exemplos de que temos un compromiso claro e firme coa provincia”.

Na inauguración tamén participaron o Subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe, a representante da Patronal de Transportes, Carmen Castelao, o secretario Xeral de UXT, Manuel Chaín, e o representante de UXT Galicia, Eladio Romero.

Exit mobile version