Site icon Crónica3.com A Mariña

O responsable de Deportes de Cervo di que o estado da piscina municipal é máis que aceptable

CERVO .- O concelleiro de Deportes de Cervo, Rubén Fernández Rouco, cualificou de “alarmistas” as criticas feitas polo grupo municipal socialista sobre a situación na que se atopa a piscina olímpica municipal, e asegurou que as manifestacións socialistas “raian a irresponsabilidade”.

Nota de Prensa

FERNÁNDEZ ROUCO LÉMBRALLE AOS SOCIALISTAS QUE OS CATRO ANOS DE XUNTA BIPARTITA AS AXUDAS PARA A PISCINA FORON NULAS

* O concelleiro de Deportes rexeita as criticas do Psoe local e asegura que a instalación cervense está a un nivel “máis ca aceptable” para unha infraestrutura destas dimensións e costes de mantemento

Cervo, 30 de xaneiro de 2010.- O concelleiro de Deportes no Concello de Cervo, Rubén Fernández Rouco, cualificou de “alarmistas” as criticas feitas polo grupo municipal socialista sobre a situación na que se atopa a piscina olímpica municipal. Segundo o responsable local de Deportes, as manifestacións socialistas “raian a irresponsabilidade”.

Na súa opinión, parece coma se o PSdeG cervense estivera especialmente interesado en desacreditar as instalacións de Lieiro “pondo en tela de xuízo diante da opinión pública a seguridade do inmoble de xeito gratuíto e sen ningún fundamento máis que o de levantar réditos políticos sen pararse a valorar as consecuencias das súas palabras”

Neste senso asegurou que a piscina cervense está á altura de calquera outra da comarca e cualificou de “verdadeiramente irresponsable” a decisión tomada no seu día polo PSOE local de acometer a construción desta infraestrutura nun municipio de 5.000 habitantes “en contra da opinión pública polo desmesurado das súas proporcións, sen sopesar realmente as consecuencias económicas que se derivarían dela e as cales a día de hoxe aínda seguimos pagando”.

“Faime gracia -indicou Fernández referíndose ao socialistas- escoitalos dicir que a axuda outorgada pola Secretaría Xeral para o Deporte para arranxar a piscina non é máis que un parche cando resulta que esa axuda, conseguida en menos dun ano de lexislatura do actual goberno da Xunta, é superior en 58.000 euros a todo o que logramos acadar do Goberno bipartito nos catro anos que estiveron á fronte da Xunta. Por iso, hai que lembrar que cando o seu partido tivo oportunidade de colaborar e de implicarse na mellora e mantemento da piscina non fixeron absolutamente nada, excepto criticar ao Concello e tentar que a piscina esmorecera e agora, cando recibimos esta axuda de 58.000 euros, aínda teñen folgos para saír a criticarnos”.

Por último Rubén Fernández asegurou que o Concello “lonxe de deixala no esquecemento” continúa a facer xestións para proseguir coas melloras da piscina “porque a pesares do custo que supón o seu mantemento, o goberno local non escatimara esforzos en garantir este servizo” asegurou. Ademais, invitou aos socialistas a “trocar de actitude” e “arrimar o hombro” nesta tarefa. “Desde que esta piscina se inaugurou dixemos que era unha obra faraónica e desmesurada que só tiña por obxecto acadar réditos políticos. Despois de 12 anos parece que os mesmos que a promoveron pretenden seguir utilizándoa como arma política en lugar de colaborar de xeito decidido na súa mellora” concluíu.

Exit mobile version