Site icon Crónica3.com A Mariña

O servizo de normalización lingüística de Vigo interésase polo modelo Burela

BURELA (FNC) .- Mañá mércores, dúas funcionarias do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo achegaranse a Burela para coñecer de primeira man o desenvolvemento do proxecto de innovación lingüística coñecido como Modelo Burela.

Segundo explicou a concelleira de Educación, Lucía Bouza, “a cita comezará no IES Perdouro, onde se lles fará entrega das diferentes memorias audiovisuais e escritas feitas ao longo destes anos que o centro leva traballando. Alí, Bernardo Penabade, coordinador do Modelo Burela explicaralles a metodoloxía de traballo que se seguiu no proxecto. A continuación, serán conducidas á Escola Infantil de Burela, centro que leva aplicando dito modelo dende os seus inicios”.

Ás dúas da tarde serán recibidas no Concello de Burela polos concelleiros e concelleiras que están a traballar no proxecto: o alcalde, Alfredo Llano, Neves Cando, Luis Pedre, Cristóbal Edrosa e Lucía Bouza, que as acompañará na programación ao longo de toda a mañá.

A edil socialista anunciou que “tras a recepción, participarán nunha comida no restaurante Miranda, onde entrarán en contacto co mundo do deseño da man de Xosé Miranda e co mundo audiovisual con Matías Nicieza, director do documental Modelo Burela. Rematarán a visita no cemiterio parroquial, onde tamén serán acompañadas polo cura párroco de Burela, Ramón Marful e polo responsable do mesmo, Néstor, que as informarán das distintas lápidas escritas en galego”.

En Madrid

Por outra banda, Lucía Bouza salientou que “no día de hoxe, ás seis e media da tarde, o documental Modelo Burela será proxectado en Madrid no ciclo de cinema Documentais sobre a memoria. Unha vez finalizada a proxección, abrirase un coloquio centrado na situación actual da política lingüística en Galicia. Neste coloquio participarán Bernardo Penabade e Matías Nicieza. Con isto, vemos que o chamado Modelo Burela interesa moito máis aló das nosas fronteiras e, por isto, dende o Concello felicitamos aos seus responsables, ao tempo que os animamos a seguir traballando nese campo”.

Exit mobile version