Site icon Crónica3.com A Mariña

Os concellos de Cervo e Xove homenaxean ao sarxento Lorenzo Martín

CERVO .- Os Concellos de Cervo e Xove celebrarán conxuntamente o vindeiro domingo, día 24, unha homenaxe ao sarxento Lorenzo Martín Alonso, responsable da Garda Civil de Tráfico en Burela que faleceu en acto de servizo a noite do 23 de xaneiro do 2009 vítima do ciclón Klaus que azotou a comarca hai un ano.

Deste xeito, os concellos de Xove e Cervo queren render así o seu agradecemento ao axente e lembrar a súa figura destacando o labor realizado durante esa noite e noutras ocasións, mediante un acto sinxelo e emotivo.

Os actos darán comezo ás 12.00 do mediodía co descubrimento dunha placa conmemorativa, que se colocará na área de descanso da estrada LU-862, no termino municipal de Xove e posteriormente (ás 13.00 horas) celebrarase unha misa na igrexa de Cervo na súa memoria.

O alcalde cervense, Alfonso Villares, indicou que este acto ten por obxecto recoñecer o labor do sarxento que faleceu no lugar coñecido como O Castelo, tras ser alcanzado por un eucalipto mentres axudaba aos condutores aos que o temporal Klaus sorprendeu na estrada. O garda civil participou intensamente, xunto coas brigadas de obras e os membros de Protección Civil de distintos concellos, nos labores de coordinación do tráfico e na retirada de árbores sobre coches e sobre a estrada da costa derrubados polo temporal.

Segundo indicou, os organizadores da homenaxe xa teñen confirmada a asistencia aos actos da viúva e dos fillos do sarxento e esperan que acudan tamén as corporacións municipais de ámbolos dous municipios, así como alcaldes da comarca, representantes da Xunta de Galicia, Delegación e da Subdelegación do Goberno, así como diversos mandos da Garda Civil, e outras outras autoridades.

Villares tamén aproveitou para facer extensiva a invitación a participar nEste acto de homenaxe ao sarxento no primeiro ano da súa morte a todas aquelas persoas que o desexen.

Exit mobile version