Site icon Crónica3.com A Mariña

Para o BNG o alcalde de Cervo intenta minimizar os danos da riada

NOTA DE PRENSA:
VILLARES INTENTA MINIMIZAR OS DANOS CAUSADOS POLA RIADA EN CERVO E DASE POR SATISFEITO COA CHAMADA DE FEIJOO

Os nacionalistas esíxenlle ao alcalde que actúe como tal e deixe de tapar a ausencia de apoio da administración autonómica

O parlamentar Fernando Blanco comprobou en Cervo os danos causados pola riada e anunciou iniciativas parlamentares para apoiar a recuperación do danos.

Cervo, 28 de xaneiro de 2010. O BNG demandou ao alcalde de Cervo que actúe como tal e deixe de tapar a ausencia de apoios da Xunta de Galiza para recuperar os bens públicos e privados danados pola riada do 23 de xaneiro. Dende o grupo municipal nacionalista consideran que o alcalde trata de minimizar os danos causados pola riada para non requirir axudas da Xunta. Os nacionalistas volveron reclamar ao goberno local unha valoración da desfeita nas infraestruturas públicas e privadas a fin de reclamar á Xunta de Galiza apoios económicos para a súa recuperación. O parlamentar Fernando Blanco que visitou varios puntos do concello presentará iniciativas no parlamento para esixir que a Xunta apoie economicamente a recuperación dos danos.

O BNG demandará no Parlamento axudas para recuperar os danos causados en bens públicos e privados.

Os danos causados pola riada en Cervo o día 23 superan en moito os 100.0000 euros dispostos pola Xunta para toda a comarca, o parlamentar nacionalista, Fernando Blanco, visitou onte co responsábel comarcal do BNG, Antonio Veiga e o concelleiro, Xoán Estúa, varios puntos do concello afectados pola riada. Os nacionalistas anunciaron a presentación de iniciativas parlamentares dirixidas a apoiar tanto á administración local como a particulares e empresas na reconstrución dos bens danados pola avalancha de auga do día 23.

En Cervo vanse precisar axudas da Xunta para devolver a normalidade, aínda que o alcalde estea empeñado en reducir a desfeita.

O BNG de Cervo denunciou a actitude demagóxica do alcalde popular, Alfonso Villares, que trata de tapar os danos causados pola riada en Cervo para non esixir á Xunta de Galiza apoios económicos para recuperar as perdas causadas en bens públicos e privados. Os nacionalistas esixiron ao goberno local que actúe como tal e poña en marcha os mecanismos necesarios para avaliar os danos e reclamar os apoios precisos para recuperar o antes posíbel as pontes, saneamento, camiños, pistas e abastecementos de auga danadas pola riada, ademais dos importantes danos causados a empresas e particulares.

Os nacionalistas pregúntanse onde está a colaboración e a man tendida do goberno amigo

Xoán Antón Estúa, portavoz municipal nacionalista, ironizou coa alegría do alcalde ao recibir a chamada de Feijoo, xa que “mentres o alcalde escorre o vulto falando co presidente, os veciños e veciñas de Cervo tentan recuperarse sos dos efectos da riada”. Estúa cualificou de patética a actitude do alcalde, Villares ademais de darse por satisfeito coas chamadas de Santiago, chégalle coa presenza de tres operarios enviados por Medio Ambiente; o nacionalista chamou a atención sobre a curiosa forma de cuantificar os apoios do alcalde, “mentres tres brigadas de Medio Rural traballaban no monte fai un ano o alcalde falaba de abandono, e agora tres operarios postos polo goberno amigo, son suficientes e esenciais para reparar os efectos da riada”

Hai casas en Cervo que dende o sábado en lugar de auga teñen chocolate

Por último, Estúa volveu demandar medidas para evitar inundacións como a sucedida o pasado sábado, “non e normal que polo río baixen troncos das dimensións que se viron o sábado”, o nacionalista demandou maior control e limpeza nos cauces de ríos e regatos. Estúa ademais esixiu explicacións ao alcalde xa que dende o sábado hai moitas casas en Cervo que en lugar de auga, teñen chocolate.

Exit mobile version