Site icon Crónica3.com A Mariña

Que se expliquen!

Fixera o que fixera o bipartito, todo tiña que estar mal por definición. Pero non hai problema: o novo goberno Feijoo xa está aquí para nos liberar de todos os males. Deus nos arrede!, que diría un crente persignándose. Xa bo foi o balbordo que montaron co tema da lingua, e agora tócalle ao urbanismo e a protección do litoral.

Un dos aspectos nos que destacou o bipartito ao chegar ao poder foi na protección da nosa liña de costa. Respectando normas e prazos (non entrando como elefante en cacharraría, como adoitan facer estes NASP que nos gobernan) déronlle un forte pulo ao coidado do litoral e acordaron a protección dos 500 metros de liña de costa. Con acertos, con erros, treméndolles o pulso nalgunhas localidades por mor de contradicións internas de carácter local, pero á fin cunha clara vocación de lle poñer coto a un desenvolvemento cego que asolou outras zonas do estado español.

E agora que Feijoo ten que se posicionar sobre o tema, despois de teren denunciado a imposición (non lles soa esta vella cantilena?) dos 500 metros, resulta que eles van regular (amabelmente, a caso?) a construción á beira das nosas costas. E para presumiren de ecoloxistas din que ás veces ata poderán chegar a limitar a construción a 1000 metros, ou máis! Pero noutras ocasións podería ser menos. Semellan ter descuberto o urbanismo á carta.

Xeran falsas ilusións facendo crer que cada concello vai poder facer da súa capa un saio. Como se de novo a construción aloucada puidera sacarnos da crise. Tamén, como no tema da lingua, pretenden trasladar a súa responsabilidade a cada concello. Ben farán os municipios das vilas galegas costeiras en constituíren comisións de estudo para abordar o impacto que poida ter o novo Plan de Ordenamento do Litoral. A actitude pouco seria deste novo goberno (xa constatada noutros temas) aconsella mirar con lupa como poden afectar os cambios que se vaian introducir. Foron eles mesmos os que puxeron o exemplo de que as limitacións poderían internarse ata 1000 metros. Que se expliquen.

Exit mobile version