Site icon Crónica3.com A Mariña

Segundo ADEGA, a Xunta reduce un 66 por cen as axudas á prevención dos ataques dos lobos

SANTIAGO .- ADEGA informa que A Xunta vén de publicar as axudas anuais para a prevención dos ataques do lobo. O importe total, 28.000€, é a terceira parte do consignado en 2009 (94.500€). Se xa as cantidades eran cativas, a súa redución deixa ver ás claras por onde vai a política de conservación da especie que promove a nova Xunta. Para conservar o lobo resulta chave apostar por medidas preventivas e de discriminación positiva que permitan compatibilizar a explotación gandeira coa conservación deste cánido nos lugares onde a súa presenza entra en conflito cos aproveitamentos tradicionais. E non abonda só con pagar (xusta e rapidamente) os danos, se cada vez faise menos para previlos. No entanto, sí hai cartos públicos (175.000€) para financiar os masacres de raposos que estes días están a ter lugar nas 4 provincias de xeito semi-clandestino.

Só en Araba (Euskadi) por exemplo, cunha poboación lobeira moi inferior á galega, o importe das axudas preventivas superou os 40.000€ (en 2008) e só para subvencionar mastíns de garda. Tamén chama a atención o feito de que outras autonomías (Castela-A Mancha en 2007, entre outras) subvencionen, alén de cans, valados e pastores eléctricos, a adquisición de seguros por parte dos gandeiros que cubran as perdas por ataques de lobo.
Se ben é certo que nas comunidades situadas ao norte do río Douro, o lobo ibérico non se considera especie protexida (sendo ademáis cazábel en Galiza e Castela-León), expertos na xestión deste cánido subliñan a importancia da prevención para garantir a convivencia do lobo coas actividades tradicionais. A administración debería ter máis en conta as opinións de expertos e mesmo do propio sector, tal como apontan as conclusións das II Xornadas sobre o lobo organizadas por ADEGA e o CEIDA en 2008:

“Gandeiros, cazadores e ecoloxistas coincidiron na necesidade de protexer ao lobo e de evitar a conflitividade social, establecendo medidas compensatorias xustas e eficaces polos ataques do animal, e promocionar con carácter prioritario medidas de prevención contra os ataques.
CONCLUSIÓNS do II Encontro do lobo:
1.-É necesario evitar a crispación social a través do diálogo e consenso entre as distintas partes afectadas pola problemática do lobo.
2.-O Plano de Xestión do Lobo en Galiza é necesario e inevitábel, pero a súa aplicación efectiva dependerá da vontade da Administración, a razón da resposta social, polo que se mantén o compromiso dos diversos sectores implicados de chegar a acordos.
3.-A recuperación do hábitat do lobo establécese como unha medida prioritaria entre as medidas que debera de impulsar a Xunta no Plano de Xestión.
4.-É urxente buscar unha solución ao problema da falla de alimento do lobo.
5.-Tamén é necesario evitar medidas e políticas agroforestais que prexudiquen a evolución e dinámica das especies salvaxes (destrución do mato, valados…).
6.- Indemnizacións si, pero non de calquera xeito (xustas, efectivas, que eviten a picaresca…), nin como medida única fronte a conflitividade social. Habería que indemnizar nomeadamente a aqueles gandeiros que vivan en zonas lobeiras, rexeitando tallantemente a creación de “zonas libres de lobo” (como se fixo en Asturias).
7.-Afondar nos métodos preventivos.
8.-Afondar na investigación para facer un seguimento e diagnose adecuados da especie.
9.-Ter en conta a voz dos gandeiros en todo momento.
10.- Promover a Educación Ambiental de cara a un cambio de actitude sobre a especie.”

Á vista do escaso compromiso económico da nova administración co capítulo de prevención dos ataques do lobo, semella que a Xunta quere trasladar de novo o esforzo de conservación deste cánido aos gandeiros, en troques de desenvolver o Plano de Xestión e garantir a supervivencia do lobo en Galiza.

Exit mobile version