Site icon Crónica3.com A Mariña

Segundo o BNG, A Mariña perdeu en 10 anos o 68 por cen das explotacións gandeiras

NOTA DE PRENSA
A Mariña perdeu en 10 anos o 68% das súas explotacións gandeiras

Pérez Bouza denuncia que en 20 anos aumentou nun 900% as

marxes de inermediación na pataca

O BNG esixe ao Goberno que siga o exemplo doutros estados da Unión

e fixe un prezo mínimo para o leite

O Bloque Nacionalista Galego mantivo na xornada de hoxe unha xuntanza coa Cooperativa dos Irmandiños e coa Cooperativa Labregos de Lugo, na que participou o senador do BNG Xosé Manuel Pérez Bouza, onde analizaron a situación crítica que atravesa o complexo agrogandeiro, nomeadamente o sector lácteo e o da horta.Pérez Bouza denunciou as prácticas oligopolistas aos que se ve sometido o noso complexo agrogandeiro, “o que está a provocar unha crise sen precedentes no mesmo, como consecuencia dunha diminución das marxes de explotación, da que é ben sintomático o caso da pataca que está nun nivel de prezos de fai 20 anos, tendo aumentado no mesmo período o seu prezo ao consumidor case nun 900%”.

Neste sentido o senador nacionalista afirmou que a instancias do BNG aprobouse a creación dunha comisión no senado para estudar as marxes de intermediación e na perspectiva de adoptar iniciativas lexislativas que fagan recaer sobre o consumidor final o custo da actividade. Pérez Bouza indicou que “a Comisión vai comezar a traballar en febreiro e é intención do BNG que pola mesma pasen produtores e organizacións profesionais de Galiza, neste sentido aproveito a miña presenza na Mariña para convidar a estas dúas cooperativas a participar da mesma”.

“Os prezos do leite e da pataca son a día de hoxe insostíbeis para o produtor, de feito son moitos os que están perdendo diñeiro na súa actividade. O Goberno do Estado e a Xunta de Galiza non poden mirar para outro lado nesta cuestión, porque para nos son sectores estratéxicos. É hora de que Zapatero e Feijoo gobernen e deixen de votar balóns fora” afirmou Pérez Bouza quen esixiu “ un plano conxunto do goberno do Estado e da Xunta, negociado con Bruxelas que está a estudar unha reforma da PAC, que garanta a permanencia da actividade económica no campo galego”. Nesta liña criticou que o Goberno do Estado está a incumprir o acordo parlamentar de 17 de Abril de 2009 onde se comprometía entre outros aspectos a aprobar unha normativa para controlar as importacións a baixo custo ou a adoptar as reformas lexislativas que permitan garantir un prezo mínimo ao leite tal como acontece noutros Estados da Unión.

O portavoz Comarcal do BNG destacou que o leite de vaca representa un 42,3% da produción agraria da Mariña, un sector agrario que se caracteriza pola súa marcada especialización gandeira, a produción gandeira achega o 62 % do valor da produción da rama agraria a pesar de que nos últimos dez anos o número de explotacións reduciuse na Mariña nun 68% en canto a cota media se multiplicaba por máis de catro. Antonio Veiga denunciou que “a actual crise do sector lácteo é pola súa natureza a máis aguda de todas cantas ten vivido Galiza desde a súa integración na Unión Europeu, poñendo mesmamente en risco a propria existencia das case 1200 explotación existentes na Mariña e por conseguinte a columna vertebral de todo o noso territorio interior, o que obriga aos poderes públicos a intervir con decisión pola magnitude da situación”.

Veiga criticou “a falta de compromiso dos Gobernos do Estado e da Xunta a hora de poñer solucións riba da mesa, a súa política xestual que pretende agochar con propaganda a falta de xestión, a indiferencia diante a crise que choca co apoio a outros sectores económicos como a banca e o seu nulo interese por cumprir mesmamente o aprobado en sé parlamentar”. “Neste sentido resulta unha autentica tomadura de pelo as axudas anunciadas pola Xunta de Galiza que afecta á area financeira como adianto no pago das axudas da PAC ou a liña comprometida co IGAPE, por tratarse no primeiro caso dun adianto que xa viñan arbitrando de motu proprio as entidades bancarias, e no segundo por non ser verificábeis ao obrigar ao gandeiro a comprometer garantías coa banca de máis do 60%” recalcou Veiga.

Exit mobile version