Site icon Crónica3.com A Mariña

Sobre o empadroamento de inmigrantes

Unha vez rematadas as miñas vacacións de Nadal e incorporado ao traballo no faro, quero aproveitar para comentarvos algún que outro tema dos que me fan reflexionar, e que poden ser causa de debate.

Hoxe queríavos falar sobre a polémica que se montou en relación ao empadroamento de inmigrantes no concello de Vic.

A lei resolveu que se debe de proceder ao empadroamento de inmigrantes sen papeis, o contrario do que pretendía facer o goberno de Vic.

Esta resposta legal resolve o problema de forma puntual e de momento. E digo de forma puntual e de momento, porque eu penso que o problema require un estudo moito mais profundo e pormenorizado, un debate serio e un acordo claro sobre a política de inmigración.

No estudo e no debate deberase ter en conta, entre outras cousas, toda a problemática que a inmigración ilegal supón para os propios inmigrantes, para os españois, e para o noso Pais e a Comunidade Europea.

Deberase ter en conta que os inmigrantes sen papeis, como persoas que son, teñen unhas necesidades básicas: comer, durmir, asistencia médica, educación, etc. Unhas necesidades básicas que non se resolven co mero feito de empadroalos, e as cales debe de dar solución un gran acordo nacional sobre a política de inmigración.

Un inmigrante sen papeis, aínda que estea empadroado, non pode traballar de forma legal, e polo tanto non pode dar solución as súas necesidades básicas. O que fai que se vexa obrigado a aceptar traballar de forma ilegal, sen seguro, sen un salario nin horario decentes, sen protección nin garantía algunha, etc. Vese obrigado a acudir a unha economía sumerxida, ou aínda a cousas peores co fin de obter os recursos que necesita. Coas consecuencias que isto conleva para el e para a sociedade na que vive.

Estes son os problemas que vemos moitas persoas, e tamén o goberno de Vic, e por iso pretendían deixar sen empadroar os inmigrantes sen papeis. Problemas que non pode resolver un concello de forma individual, e que deben ser resoltos dende un gran pacto nacional sobre inmigración.

Pacto que non pode ser só un papeis para todos, senón que ten que ser moito mais amplo e dar solución a todos os problemas que xera a inmigración ilegal neste Pais.

Un pacto no que se debe de empezar a traballar xa. E necesario para todos, empezando por os propios inmigrantes.

Exit mobile version