Site icon Crónica3.com A Mariña

Un Orzamento estratéxico para a provincia de Lugo

Nun momento de crise económica como o actual non se trata de recortar os servizos públicos senón todo o contrario. É preciso que as institucións agudicemos o enxeño para poñer en marcha medidas estratéxicas que axuden a mellorar a economía da provincia, de tal xeito sexamos un punto de apoio para os nosos autónomos, os nosos gandeiros, os nosos pescadores… en definitiva, para todo tecido empresarial da provincia.

Dende a Deputación de Lugo fixemos un grande esforzo por aumentar o Orzamento Xeral de 2010. Supera os 143.600.000 euros, o que supón un incremento dun 1,10% mais que en 2009. É un presuposto estratéxico para a provincia e está pensado para dar cumprimento ó primeiro Plan Estratéxico Provincial concluído en decembro, e que dá unha visión real e global de Lugo.

A que destinaremos estes cartos?  En primeiro lugar, a cooperar máis ca nunca cos 67 Concellos. As entidades locais están atravesando a peor crise económica dos 30 anos de gobernos locais democráticos e necesitan equipamentos sociais e crear postos de traballo para afrontar a crise demográfica que leva décadas castigando a esta provincia. Neste senso, poremos fin a débedas históricas, destinando partidas específicas para os municipios afectados polo canon hidroeléctrico, o mantemento dos parques de bombeiros e dos hospitais, que neste último caso, gustaríame lembrar que, debido á paralización do Presidente da Xunta no proceso de transferencias hospitalarias, a de Lugo segue a ser a única Deputación de España con hospitais ó seu cargo; unha situación que nos obriga a destinar 11,5 millóns de euros neste Orzamento.

Lugo entrará  de cheo nas novas tecnoloxías co programa Innova-TE, tal e como reflicte o Presuposto, pero tamén continuaremos traballando cos municipos fronte a unha anterior Deputación que lles negaba a cooperación. Exemplos a desenvolver en 2010 desta colaboración son a contratación conxunta do subministro eléctrico, a análise do ciclo da auga, a contratación para a actualización dos datos catastrais, o POS, o plan de pequenas infraestruturas para Concellos de menos de 5.000 habitantes, o Plan Urban, e crearemos unha nova partida só para rúas nos municipios que supera os 2 millóns de euros.

O orzamento tamén está orientado a fortalecer o sector agrogandeiro, a verdadeira columna vertebral da economía lucense que urxe un modelo produtivo máis rendible, e que obterá da Deputación o primeiro centro público de recría de gando de España, cifrado en máis de 10 millóns de euros. Ademais, tamén está dirixido a potenciar o turismo, porque non nos conformamos con transformar o Xacobeo en beneficios para a provincia, senón porque queremos un modelo de turismo sostible e de futuro que supere a propia celebración do Ano Santo.

Creo que soubemos xogar con todas as pezas que conforman a Deputación para conseguir un aumento do Orzamento Xeral, acentuando a actividade do organismo provincial onde realmente somos útiles á provincia. É dicir, ós veciños dalles igual que parte do organismo provincial lles solucione o problema: se o Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES), a propia institución, a Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA)… o que queren é solucións, e na Deputación darémosllelas.

Exit mobile version