Site icon Crónica3.com A Mariña

9 grupos de rock de Ribadeo participarán nun festival benéfico para recadar fondos para Haití

RIBADEO (FNC) .- Ribadeo acollerá o vindeiro 19 de febreiro un festival benéfico para recadar fondos para Haití. No Rock x Haití participarán nove grupos da vila, que interpretarán varios temas por separado e concluirán cunha jam sesion. Será no MiniBar a partires das 22:30 horas. O prezo da entrada será de 5 euros e os fondos recadados serán destinados a Médicos sen Fronteiras.

Roberto Martínez, un dos organizadores, asegura que “tentaremos pasalo ben dentro da gravidade do terremoto ocorrido en Haití, un país moi vulnerable. Vai ser un concerto solidario e benéfico, pero tamén crítico. Queremos reflexionar e facernos todos un pouco responsables do que sucede nestes lugares probablemente por culpa dos países do primeiro mundo ou do benestar”.

Iván García, outro dos organizadores, explica que “todo xurdiu entre a xente que formamos parte dos grupos de rock de Ribadeo. Queremos poñer o noso grao de area para axudar a esta xente que tanto o necesita. E tentaremos que sexa un concerto entretido no que cada un aportará o seu bó facer”.

No Rock x Haití participarán: Zora Gabbara, Voodoo Crow, Escala Drinker, Mallory, Sempre se fixo, Beetle Jugde, Operación Punk, Sin Face e Remakers. Nesta cita solidaria colaboran o Concello de Ribadeo, a asociación cultural Mistura, MiniBar, Ideart Deseño-Comunicación e Faro Norte Comunicación.

Os organizados fan unha chamada á colaboración da xente “incluso á que non lle guste o rock e se poida ver un pouco desubicada no local pode acudir igual, comprar a entrada e tomar unha copa sen máis, ou ver o concerto. Hai sitio para todos e para estas iniciativas agradécese o apoio de todo o mundo”.

Exit mobile version