Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación adxudica novo material para os parques de bombeiros por valor de 1,2 millóns de euros

LUGO .- A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres a adxudicación provisional de dous vehículos de extinción e rescate en altura e equipamento xeral para os parques de bombeiros por valor de 1.222.723 euros. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subliñou que “tivemos que repetir o proceso porque as empresas que se presentaron nun primeiro momento non presentaron a documentación necesaria. Con todo, quero destacar que por parte da Deputación existe unha clara disposición e unha vontade decidida por poñer en marcha os parques, xa que esta era outra das débedas históricas que tiña esta provincia”. Neste senso, apuntou que dende que se iniciou a posta en marchar da rede provincial, o organismo provincial leva investidos 4 millóns de euros que se adicaron á adquisición doutros 10 vehículos a parte dos que se adxudicaron hoxe: 5 mandos todoterreo, 1 vechículo de rescate en altura e 4 coches urbanos lixeiros.

Asimesmo, Gato Soengas lembrou que a Deputación realizou un forte investimento no parque de Barreiros, xa que “para nós é prioritario que entre en funcionamento canto antes. Leva contraído hai 7 anos e nin sequera tiña traída de auga. Ante esta situación a Deputación investiu preto de 200.000 euros na adecuación do edificio que incluiu o subministro eléctrico, o peche da parcela, a construción do depósito de auga, etc”.

Antonio Gato anunciou que o vindeiro mércores 3 marzo, ás 11 horas, técnicos provinciais e da Xunta reuniranse no Concello de Lugo para constituír unha comisión a tres bandas: Deputación, Xunta e Concello e analizar a posible prestación de servizos do parque da cidade á área de Lugo.

Na reunión celebrada hai dúas semanas na Deputación e na que o Pleno aprobou o Orzamento por valor de 2 millóns de euros perfilouse a posta en marcha dos 5 parques. Deste xeito, durante este ano abriranse as instalacións contra incedidos de Barreiros, Chantada e Sarria, quedando para 2011 o de Vilalba, cuxas obras está previsto que rematen en maio.

No caso do de Monforte, o xoves pasado técnicos provinciais e autonómicos visitaron a infraestrutura monfortina para fiscalizar in situ as instalacións, e comprobar se é susceptible de ser utilizado polo Consorcio.

Na Xunta de Goberno tamén se aprobaron 7 contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais de 2009. Suman 83.085 euros, dos que a Deputación achega 59.428 euros. Pertencen ós Concellos de Triacastela (3), Vilalba, Viveiro, Paradela e Pol.

Exit mobile version