Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación promociona a cultura lucense con manteis baixo pratos

LUGO .- Esta mañá, o vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, acompañado do presidente e vicepresidente da Asociación Provincial de Hostalería de Lugo, Cheché Real e José Manuel Cela, presentaron no salón de actos do Pazo de San Marcos unha nova tiraxe de manteis baixo pratos con información sobre o patrimonio e o quefacer cultural de Lugo que se repartirán polos estabelecementos asociados á Asociación de Hostalería de Lugo para promocionar o territorio e atraer turismo cultural.

Antón Bao, na súa intervención, lembrou que “xa é a terceira edición que se fai deste proxecto de manteis baixo pratos para difundir polos estabelecementos da provincia para a promoción cultural” e agradeceu “que a asociación de hostaleiros colabore co seu traballo para difundir a cultura propia, lucense e do país, nos estabelecementos de todas as comarcas lucenses”. O vicepresidente Antón Bao sinalou que nestes manteis baixo pratos, “ademais de dar información sobre lugares de interese, instalacións museísticas e culturais, tamén se dá conta do patrimonio inmaterial ao relacionar o conxunto de ritos e festexos propios do Entroido do sur de Lugo, representado polo Entroido Ribeirao, o Oso de Salcedo, e outros ritos como o Meco e as Pampórnigas de Quiroga, a festa das Fachas do Saviñao e Taboada e as Danzas da Cervela no Incio”. Antón Bao fixo fincapé en que “estes seis ritos festivos forman parte da identidade cultural máis sobranceira desta provincia” e que se deben recuperar e potenciar polo seu valor como patrimonio inmaterial e tamén “como importantes recursos de atracción turística “.

Pola súa banda, Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Hostalería de Lugo, mostrouse moi agradecido polos esforzos da Deputación de Lugo para promocionar os seus atractivos de xeito que revertan na economía local e asegurou que a iniciativa de baixo pratos era tan exitosa que moitos clientes e turistas solicitaban máis manteis baixo pratos novos para poder levalos e quedarse con eles.

Actividades de promoción dos ritos do Entroido

Retomando o tema da promoción dos festexos do Entroido, Antón Bao afondou en que “o Entroido lucense quizais sexa moito menos coñecido que o doutros lugares de Galiza (nomeadamente Ourense), non obstante contamos con dúas tradicións arraigadas moi importantes como son o Oso de Salcedo, na Póboa de Brollón, e o Entroido Ribeirao de Chantada”. Desde a Área de Cultura da Deputación, segundo adiantou Bao, vanse organizar dúas actividades englobadas dentro dun proxecto encamiñado a divulgar estes ritos festivos denominado “O entroido en Chantada e Salcedo, o noso patrimonio inmaterial”. A primeira das actividades terá lugar o xoves, ás 8 da tarde, no salón de actos da Deputación de Lugo, e consistirá nunha charla sobre a tradición do Entroido lucense a cargo de Xosé González Reboredo, Xosé Ramón Mariño Ferro e Adolfo de Abel Vilela. A segunda actividade será o venres, e trátase dun pasarrúas que arrancará ás 5 da tarde da Praza Maior e percorrerá parte da cidade até a Deputación, e que contará coa presenza dos representantes do Oso de Salcedo e do Entroido Ribeirao para, segundo Antón Bao, “traer á cidade a mostra dese importantísimo Entroido ancestral do sur de Lugo para divulgalo e que se converta, tamén, nun elemento dinamizador da cultura e da economía lucense”.

Exit mobile version