Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación resolve non celebrar o Padroado e inicia a extinción da Fundación TOR

LUGO .- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, resolveu non celebrar a reunión do Padroado da Fundación Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia prevista para este xoves e acordou iniciar a extinción da Fundación, recuperar a titularidade dos terreos que son de titularidade provincial e continuar coas actividades medioambientais e cinexéticas dende a Deputación, xa que na práctica o está a facer en solitario.

Gómez Besteiro lembrou que na reunión do 8 de xullo dende o organismo provincial xa se plantexou iniciar o estudo da extinción da Fundación e subliñou que “foi o organismo provincial quen cedeu estes terreos, é dicir, os lucenses e non os galegos. O Padroado non celebrado non vai servir de cuartada para xustificar a inacción da Xunta de Galicia. Non queren compartir responsabilidades e a única vía é a extinción; unha vía seria e responsable. Parece que están dispostos a estar na Fundación simplemente para mandar e non para traballar”.

O máximo mandatario provincial, que estivo acompañado do Vicepresidente Primeiro da Deputación, Antón Bao, e do Deputado de Urbanismo, Miguel Ángel Sotuela, -ambos os dous membros do Padrado- explicou que esta decisión está xusficada e propiciada polos seguintes motivos:

1º- “A provincia de Lugo non necesita unha Fundación viciada desde a súa orixe. Críamos que a actual Xunta estaba a favor de cambiar esta Fundación que foi creada polo Partido Popular. Por iso, o máis eficaz, responsable e eficiente éque continuemos desde a Deputación coas actividades medioambientais e cinexética, que xa estamos facendo na actualidade en solitario”.

2º- A falta de transparencia e a situación económica ruinosa que os actuais patronos herdaron dos seu antecesores. Isto suporá un lastre para a Fundación TOR, xa que impide, por exemplo, optar a subvencións autonômicas e europeas.

3º- O terceiro motivo que xustifica o anuncio da extinción por parte do máximo mandatario provincial é a ausencia por terceira vez consecutiva da Xunta de Galicia, quen debe á Fundación preto de 600.000 euros –cen millóns das antigas pesetas-, e a maioría dos seus patronos –incluído o Conselleiro-, que seguen sen tomar posesión oficial dos seus cargos. “Son excusas de mal pagador, xa que cando a un ano de goberno aínda non aportaron nin un só euro. Estas circunstancias demostran que o socio parece que non quere compartir responsablidades”.

4º- Polo que se refire ó último motivo, Gómez Besteiro subraiou que dende que tivemos que asumiu a Presidencia do Padroado, todos os custes da posta ó día, actividades e persoal da Fundación están correndo a cargo única e exclusivamente da Deputación de Lugo (preto de 200.000 euros), que tamén tivo que poñer ós seus funcionarios e técnicos do INLUDES a traballar neste proxecto.

Proxectos da Deputación para TOR

O titular provincial explicou as novas actuacións e proxectos levará a cabo a Deputación, xa que ten capacidade económica e técnica, e que estaban previstos que foran á reunión do Padroado. A primeira destas iniciativas inclúe a creación dun biotopo experimental con coellos de forma que poida ser un punto de referencia de posteriores estudos e modelo para o establecemento de futuros experiencias. Esta actuación terá un custe de 90.000 euros. O obxectivo non é a cantidade de animais a producir, senón conseguir exemplares aptos e sanos, mantendo unha liña xenética silvestre e con capacidade de colonizar zonas.

A posta en marcha deste proxecto contribúe a beneficiar ecolóxica e economicamente a todos os tecores da provincia, incluído ó da Fonsagrada que é o maior coto de caza de España (43.323 hectáreas). Ademais, Lugo é a provincia que ten o maior número de licenzas de caza de Galicia.

Dende 1990 existe un convenio coa Asociación Lucense de Caza. Tendo en conta que este animal é unha das “xoias” da caza menor e que está en diminución, dende a Deputación proponse a creación dunha granxa cinexética de cría, recría e con parque de voo. Esta actividade cinexética xerou en 2009 segundo a Federación Galega de Caza un volume de negocio de 95 millóns de euros en toda Galicia.

Gómez Besteiro tamén informou que na orde do dia tamén se contemplaba a aprobación do programa de cultivos co que a Deputación reduciu nun 40% as agresións dos animais no coto da Fonsagrada, así como o convenio asinado entre Deputación e Universidade de Santiago de Compostela para a prevención de accidentes de tráfico provocados por animais salvaxes nas vías provinciais. A Deputación tamén levará a cabo a musealización de trofeos de caza e de armas empregadas en actividades cinexéticas.

Regularización económica

No ano 2009 iniciouse o camiño para regularizar a situación económica da Fundación. “A Deputación limpiou o nome de TOR, reconducindo a Fundación cara parámetros normalizados. O ano pasado vímonos na obriga de iniciar este camiño, tamén en solitario, para regularizar a situación económica da Fundación, tras comprobar que en Tor desaparecera a documentación, libros de actas, a contabilidade, etc, é dicir, todo o que esixe a lei. Só agardamos que a Xunta non queira facer o que o PP fixo no pasado”.

Gómez Besteiro subliñou que “antes de nada hai que dicir que cos actuais patronatos non se pagou nin unha soa dieta por comida, por café e por quilometraxe”. Ademais, pagáronse as débedas existentes coa Hacienda estatal e autonómica, coa seguridade social e con diferentes provedores; cancelouse a póliza de crédito de 50.000 euros esgotada polo anterior Padroado.

Exit mobile version