Site icon Crónica3.com A Mariña

A licitación por procedemento negociado sen publicidade a mellora do abastecemento de auga a Cervo

CERVO .- A empresa pública de Servizos Hidráulicos da Consellería de Medio Ambiente sacou a licitación mediante procedemento de adxudicación negociado sen publicidade a obra de mellora da rede da rede de Cervo por un importe de 209.767 euros.

Nota de Prensa

A CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE SACA A LICITACIÓN OBRAS DE MELLORA DA REDE DE ABASTECEMENTO DE AUGA DO MUNICIPIO POR UN IMPORTE DE 209.767 EUROS

Cervo, 6 de febreiro de 2010.- A empresa pública de Servizos Hidráulicos da Consellería de Medio Ambiente ven de sacar a licitación mediante procedemento de adxudicación negociado sen publicidade a obra de mellora da rede de abastecemento do concello por un importe de 209.767 euros. Así o indicou o alcalde de Cervo, Alfonso Villares no día de hoxe.

Segundo explicou o rexedor cervense, estas obras teñen por obxecto actuar na mellora de diversos tramos da rede de augas municipal nos núcleos de Cervo, Lieiro, San Ciprián “e de xeito especial nos burgos de Castelo e Rueta”, sinalou.  “Con estas obras -dixo- tentamos dar solución en tres frontes: Por unha banda, renovaremos boa parte das canalizacións de abastecemento de augas nas zonas que presentaban maiores problemas de avarías polo paso do tempo; por outra, optimizaremos a calidade do servizo en puntos onde a rede adoecía de deficiencias; e por último aproveitaremos tamén para dotar deste servizo a zonas que ata o momento carecían del” asegurou o alcalde.

Villares salientou o beneficio que suporá este investimento feito dende a Xunta para os veciños do concello e recordou que dita actuación forma parte do programa de dotación e mellora de infraestruturas básicas do termo municipal levado a cabo dende o Goberno local. “Estas obras veñen a complementarse con outras que xa se están a levar a cabo no concello, coma son as de saneamento en San Ciprián e Cervo; así coma outras programadas como as da Senra. Deste xeito o que pretendemos é dotar e modernizar as infraestruturas básicas do noso concello paulatinamente ata poder chegar a tódolos núcleos de poboación” indicou.

Unha vez rematado o prazo de licitación, a empresa adxudicataria das obras terá un prazo de nove meses para levar adiante dita mellora da rede de augas do termo municipal de Cervo.

Exit mobile version